Luns. 05.08.2024

Por fin se pechou o acordo entre a Xunta e o Concello de Santiago para poñerlle fin ao caos que diariamente se vive nos arredores e na contorna do Hospital Clínico Universitario. Nese acordo, segundo fontes do executivo autonómico, sentáronse as bases da colaboración entre ambas as dúas institucións para a humanización, ordenación e mellora da accesibilidade na zona. E sí, está contemplada a habilitación de máis prazas de aparcamento, cuxa carencia padecen aqueles que se teñen que achegar ao CHUS.

Na reunión deste 11 de xullo participaron a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o seu homólogo de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. O punto de partida para lograr os obxectivos marcados pasa pola tramitación dun Plan de Interese Autonómico cun perímetro consensuado entre as dúas partes. Antes xa da aprobación dese plan, e sempre e cando “sexa posible urbanísticamente”, vaise proceder á execución do aparcadoiro integrado e accesible dentro da parcela do hospital para poder dotalo de máis espacio para estacionar. Por outra banda, executarase a mellora do acceso desde Volta do Castro, prevista no planeamento urbanístico vixente. Se non puidera sair adiante o aparcadoio antes da aprobación do devandito plan, será unha actuación “absolutamente prioritaria” para Xunta e Concello.

As actuacións previstas serán financiadas nun 90% polo executivo autonómico, en un 10% pola administración local. As dúas partes traballan para que o acordó pechado poida ser asinado este mesmo mes de xullo. Raxoi comprométese a eximir o pagamento do IBI do Hospital Clínico e do futuro Centro de Protonterapia que se está construíndo ao seu carón, cando rematen as obras dese centro e as de ampliación do CHUS.

“É só un papel”

Desde o PSOE de Santiago consideran que o acordo pechado entre a Xunta e Raxoi “é só un papel con boas intencións, pero que non é vinculante”. Segundo a concelleira Mercedes Rosón, “non se pode enganar á cidadanía deste xeito”. Lamenta que o que hai agora non conleve ningún compromiso e reclámalle ás dúas administracións que “sigan na negociación” para que “isto que agora se di que se vai facer, se leve a cabo de verdade”.