PUBLICIDADE

Bandalux inaugura en Santiago de Compostela un complexo de vangarda que impulsará a innovación, a actividade empresarial e os grandes eventos en Galicia

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asiste á inauguración do Edificio BANDALUX.

Bandalux inaugurou oficialmente o seu novo complexo corporativo en Santiago de Compostela nun acto que contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, do delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, e da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, poñendo de manifesto a relevancia deste proxecto para a cidade e para o tecido empresarial galego.

O novo edificio representa un dos fitos máis importantes na historia da compañía e nace coa vocación de converterse nun espazo aberto á empresa, a innovación, a formación e os grandes eventos, reforzando o posicionamento de Galicia como un territorio competitivo, sostible e preparado para acoller iniciativas de alcance nacional e internacional.

A apertura do complexo supón un novo paso no compromiso que Bandalux mantén con Galicia desde hai máis de catro décadas. A compañía consolida así a súa presenza na comunidade cunhas instalacións concibidas para xerar coñecemento, atraer actividade económica e favorecer a colaboración entre empresas, profesionais e institucións.

PUBLICIDADE

O PRESIDENTE DA XUNTA PARTICIPOU NA INAUGURACIÓN

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración oficial do novo edificio corporativo de Bandalux no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela. Durante o acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente destacou o papel clave que xoga a empresa familiar na economía galega como eixo do tecido produtivo e principal xeradora de riqueza e emprego de calidade na comunidade.

“Hai empresas familiares moi potentes en toda España e noutros lugares, pero aquí en Galicia especialmente, que foron quen de crecer e ir cos tempos, pero sen perder as raíces e a base, e agora están traballando en moitísimos sitios, polo que comprometo o apoio da Xunta de Galicia para que sigan medrando dende as súas orixes”, indicou.

Así, o titular do Executivo autonómico felicitou á familia García e a todo o equipo de Bandalux pola celebración dos seus 40 anos de traxectoria e pola súa aposta decidida por instalar a súa nova sede na capital galega. Neste sentido, puxo especial énfase en que empresas como esta demostran que en Galicia hai talento suficiente para liderar mercados internacionais e competir ao máis alto nivel.

“Hai moitísimas razóns para que a xente que ten talento poida seguir traballando aquí e tamén para que profesionais doutros lugares do mundo atopen motivos para vir desenvolverse profesional e persoalmente en Galicia”, sinalou. Nese sentido, reafirmou a responsabilidade das administracións de crear as condicións axeitadas, dar facilidades, eliminar trabas e acompañar ás empresas no seu crecemento.

Así mesmo, puxo en valor que os produtos de Bandalux contan co selo Galicia Calidade e son un expoñente do prestixio do sector do contract galego a nivel internacional.

Un edificio referente en arquitectura e confort

Durante a visita ás instalacións, o titular da Xunta felicitou ao arquitecto Mauro Lomba e a todo o equipo polo deseño do novo inmoble, ao que definiu como un exemplo de arquitectura ambiciosa, moderna e sostible que combina á perfección “continente e contido”. Do mesmo xeito, remarcou a importancia de crear espazos de traballo acolledores que regulen a iluminación, a temperatura e o confort.

O presidente concluíu garantindo que a Xunta seguirá sendo o mellor aliado de quen arrisca, inviste e crea riqueza na comunidade: “Se a estas grandes empresas consolidadas lles vai ben e seguen cos pés na terra, na súa terra, iso quere dicir que a Galicia lle vai ben”, asegurou.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.