PUBLICIDADE

Frades inviste máis de 43.000 euros na remodelación integral do parque infantil de Ponte Carreira

Instalaranse novos xogos, un novo chan e un novo valado, ademais de restaurar todos os xogos

O Concello de Frades está a acometer as obras de remodelación integral do parque infantil de Ponte Carreira, nas que inviste máis de 43.000 euros. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Obras, Manuel Ferreiro Marzoa, achegáronse á zona para supervisar a boa marcha dos traballos, que estarán rematados nos próximos días.

“Esta é unha das actuacións máis demandadas pola veciñanza, xa que estamos falando da área infantil máis grande de Frades e que presentaba o deterioro propio do seu uso e do paso do tempo, a pesar das actuacións de mantemento que facemos todos os anos”, apunta Roberto Rey, quen sinala que “agora imos cambiar os xogos máis deteriorados por outros equivalentes e restaurar aqueles que están en boas condicións. Tamén cambiaremos as losetas de caucho do chan por outro novo e máis seguro e remataremos o traballo cambiando o actual valado de madeira por outro de módulos, máis resistente á choiva e que garanta a seguridade da rapazada”.

Avance dos traballos

PUBLICIDADE

Nestes momentos xa se procedeu a retirar os xogos deteriorados e as losetas de caucho do chan, polo que se está a traballar na reparación e posta a punto daqueles xogos que permanecerán no parque de Ponte Carreira. De feito, alcalde e concelleiro puideron ver como se procedía á restauración do tobogán con caseta de madeira e dos columpios, onde se substituíron e repararon as pezas deterioradas e se cambiaron e reforzaron as ancoraxes, previo ao pintado e verificación final da seguridade e funcionamento de cada xogo.

Ao longo dos próximos días está prevista a chegada de catro novos xogos: un resorte individual inclusivo para nenos con diversidade funcional, un resorte múltiple de tres prazas con resortes independentes, un balancín tipo cabalo de dobre resorte e unha estrutura multixogo con tres torres e estrutura esquelética de madeira laminada, tobogáns e, a maiores, plataformas, redes e barras metálicas.

“É posible que, polas dimensións dos novos xogos, teñamos que cambiar a súa disposición no parque”, adianta Manuel Ferreiro, quen agarda que a instalación poida volver a estar operativa “ao longo da próxima semana”. De feito, durante a visita falouse especialmente sobre a instalación do novo chan. “Un pavimento continuo de caucho absorbente de impacto, cos espesores adaptados ás alturas de caída dos xogos e que compren con todos os requisitos esixidos pola normativa europea”, adianta o concelleiro. Un sistema que se aplicará nas contornas dos xogos, mentres que o resto da superficies cubrirase con céspede sintético.

Finalmente, cambiarase o valado de madeira actual por un novo cerramento específico para áreas de xogo infantís, formado por módulos normalizados que garanten a seguridade e a duración da instalación.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.