PUBLICIDADE

O PP destapa que o goberno de Anxo Rei perdeu outros 160.000 euros da Xunta para a reforma da Praza de Abastos

Voceiro popular en Padrón, Ángel Rodríguez Conde

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, destapou que o goberno local volveu perder outra subvención concedida pola Xunta de Galicia, por importe de 160.000 euros, para o proxecto de rehabilitación dunha das naves da Praza de Abastos.

Rodríguez Conde lembra que, despois de perder unha achega de 320.000 euros o ano pasado para o mesmo fin, o executivo que encabeza Anxo Rei solicitou o día 2 de febreiro de 2026 unha nova axuda ao abeiro da orde autonómica do 5 de xaneiro de 2026 para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos.

“Tras ser incapaz de completar o financiamento para licitar e executar a reforma da Praza de Abastos
no tempo establecido pola convocatoria, o pasado mes de agosto o alcalde viuse obrigado a asinar
un decreto para renunciar á subvención de 160.000 euros aprobada pola Xunta de Galicia. “A triste
realidade é que Anxo Rei xa leva perdidos 480.000 euros de dúas subvencións concedidas pola
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para acometer un proxecto que anunciou no seu
día a bombo e prato”, remarca o voceiro popular.

PUBLICIDADE

Por este motivo, Rodríguez Conde critica “a incapacidade do alcalde para sacar adiante os proxectos
importantes comprometidos” e pregúntalle “se a mellora da Praza de Abastos vai pasar agora ao mesmo caixón no que leva o Plan Xeral de Ordenación Municipal máis dun ano”.

Por outra banda, o voceiro popular cualificou como “lamentable” que os edís socialistas se abstiveran no pleno de hoxe na votación da moción presentada polo PP na que se propuña a cesión dun solar á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para acometer un proxecto de construción de vivenda pública en Padrón.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.