O proxecto para levar o saneamento ao núcleo de Outeiro xa ten adxudicadas as obras. O Concello de Arzúa destinará 184.713,99 euros a unha actuación que permitirá facer chegar a rede municipal ata esta zona e dotala dun sistema propio para o tratamento das augas residuais.
Para conseguilo instalaranse 1.275 metros de novas canalizacións, con 42 pozos de rexistro e 24 acometidas. A nova rede dará continuidade á existente e percorrerá o núcleo ata conducir as augas residuais á estación depuradora prevista no proxecto.
Boa parte da obra realizarase mediante a apertura de gabias para instalar as tubaxes. Nos puntos nos que sexa necesario levantar o firme, este será reposto ao rematar os traballos. Nun treito de 50 metros dentro do núcleo empregarase unha perforación horizontal, que permitirá colocar a canalización sen abrir unha gabia.
Ao final da rede construirase unha nova estación depuradora, preparada para unha carga equivalente a 40 habitantes. A actuación inclúe tamén o acondicionamento da parcela na que se situará, coa construción de muros de pedra, peche perimetral e plantación de vexetación.
A obra está incluída no POS da Deputación da Coruña e permitirá completar no propio núcleo todo o proceso de recollida e tratamento das augas residuais.
Con esta actuación, o Concello continúa co seu compromiso de ampliar a rede de saneamento e facer chegar este servizo básico ás zonas do rural que aínda non dispoñen del.




