Venres. 28.06.2024

Máis accións, máis medidas e menos poñerse de perfil diante dun problema que preocupa, e moito, á veciñanza de Santiago. Iso é o que lle pide o PP ao Goberno de Goretti Sanmartín, logo da súa pasividade diante dos problemas de inseguridade cidadá detectados hai tempo na cidade. Defende a formación que o BNG “ten ao seu alcance medidas útiles para a prevención e persecución de delitos, pero non as quere poñer en marcha e se amosa reticente a incrementar a presenza policial nas rúas, imprescindible para atallar o incremento da delincuencia en Santiago”.

O concelleiro José Ramón de la Fuente lamenta que o Executivo fixera ouvidos xordos ao sinal de alarma lanzado no seu día pola veciñanza de Santa Marta, e se limitara a acusar ao Partido Popular de debuxar un panorama apocalíptico. “O BNG acúsanos de populistas e alarmistas, pero a realidade vese nos datos que aporta o Ministerio de Interior. As cifras son teimudas e din que os delitos vencellados ao tráfico de drogas medraron, desde o ano 2019, máis dun 500%”, denuncia o edil.

Non é, asegura, o de Santa Marta, o único barrio de Compostela que está a sufrir esta inseguridade. Na listaxe inclúe outras zonas da cidade con “idéntica problemática” como Conxo, A Almáciga, O Ensanche, Figueiras, a contorna de Xoán XXIII, Vite, Vista Alegre, o Casco Histórico, Fontiñas, Pelamios, Quiroga Palacios e San Pedro. Neste lugares, di De la Fuente, “existen puntos de venda de drogas, o que provoca problemas de convivencia coa veciñanza”.

Para o concelleiro, non é normal que á vista deste problema o BNG nin sequera accedera á petición do PP para que as cámaras de videovixilancia instaladas na cidade gravaran de novo, “cousa que actualmente non fan”. A resposta do Bloque, engade, foi que non eran necesarias e tampouco compensaba economicamente facelo.

Outra das cousas que lle bota en cara José Ramón de la Fuente ao Executivo de Sanmartín é que tampouco mellore a iluminación en moitos puntos da cidade que o precisan. É máis, sostén que “cambia moitas luminarias por outras de menor potencia”. A esto súmase, segundo o edil, que está a “poñer atrancos a que a Policía Local reforce as quendas e patrullas, mediante a realización de horas extras. Preguntámonos se realmente saben en que cidade viven”.