Xoves. 27.06.2024

O músico e compositor natural do concello de Ordes, emigrado no País Vasco, Hilario Rodeiro, presenta en Galicia o seu traballo Pausa, que publica, mañá venres 21 de xuño, Errabal Jazz, e no que, co novo quinteto, interpreta as súas composicións que misturan o pop-rock instrumental co jazz experimental, e que levará nunha xira a finais de xuño polas localidades da Coruña, Lugo e Compostela.

O batería e compositor mostra neste disco a súa percepción e fixación polo tempo, nun traballo "inspirado nas pausas do día a día, naquelas interseccións entre momentos distintos, que preceden e anuncian outros intres, que conclúen, repousan ou que simplemente suceden".

O quinteto formado por Juan de Diego (trompeta), Eneko Diéguez (saxo alto), Julen Izarra (saxo tenor e soprano), Kike Arza (contrabaixo), e Hilario Rodeiro (batería e composicións) realizarán unha xira, en pequenas salas, para presentar Pausa e na que recalarán o xoves 27 de xuño no Jazz Filloa da Coruña (21:30 horas) cun prezo de 10 euros; o venres 28 de xuño no Club Clavicémbalo na cidade de Lugo (23:00 horas) cunha entrada de 12 euros; e o sábado 29 de xuño, para pechar esta estrea de Pausa, o quinteto interpretará de balde os temas na terraza do Bar Camalea, na Praza de San Martín Pinario de Santiago, a partir das 20:30 horas. 

Hilario Rodeiro presenta 'Pausa' cunha xira por Santiago, A Coruña e Lugo