O Concello de Arzúa colaborará este ano coa celebración do Día do Orgullo LGBT no IES de Arzúa, unha iniciativa impulsada polo Departamento de Igualdade e Diversidade do centro educativo. A actividade terá lugar o xoves 18 de xuño na entrada principal do instituto e estará dirixida a todo o alumnado.
Desde a Concellería de Igualdade, o Concello recolle e apoia esta proposta coa vontade de acompañar o traballo que se vén desenvolvendo desde o propio centro arredor da igualdade, da diversidade sexual e afectiva e da prevención de calquera forma de discriminación.
A xornada comezará ás 10:50 horas coa lectura dun manifesto a cargo de Xián Senín, exalumno do IES de Arzúa. Ás 11:00 horas será a quenda do concerto de MJ Pérez, recoñecida cantautora arzuá e tamén exalumna do centro.
Ao longo da mañá, o IES de Arzúa desenvolverá tamén diferentes actividades arredor da igualdade e da diversidade. O alumnado poderá participar nun sorteo de materiais vinculados á celebración do Orgullo LGBT, editados polo Concello para contribuír á concienciación sobre a importancia desta data.
Con esta colaboración, a Concellería de Igualdade quere apoiar unha iniciativa que leva a celebración do Orgullo ao espazo educativo e que permite achegar á mocidade unha mensaxe de respecto, liberdade e igualdade.



