O Partido Popular de Melide reclama ao goberno municipal que actúe de maneira urxente nos centros educativos do municipio para atender as necesidades de mantemento e conservación das súas instalacións, ante a falta de resposta e a deixadez que vén demostrando o Concello.
Dende o grupo popular enténdese que o mantemento dos colexios e demais instalacións educativas debe ser unha prioridade para o goberno local, xa que falamos de espazos que utilizan diariamente centos de alumnos, docentes e traballadores.
Os populares lembran que “os centros educativos deben reunir unhas condicións axeitadas de seguridade, limpeza, funcionalidade e mantemento”, polo que instan ao alcalde e á concelleira responsable de educación a realizar unha revisión completa das instalacións e, “especialmente, a dar resposta ás demandas das familias que levan meses denunciando situacións deste tipo”.
Dende o Partido Popular de Melide fan fincapé en que “a seguridade e salubridade daqueles espazos nos que os nenos e nenas de Melide conviven durante tantas horas, non pode estar condicionada pola falta de iniciativa e polo conformismo total do Goberno local. Por todo isto, esiximos ao Concello que abandone a inacción, atenda as necesidades dos centros educativos e dea resposta ás demandas da comunidad educativa. O Concello de Melide debe asumir a súa responsabilidade e non mirar para outro lado”.



