O Concello de Melide, a través da Área Económica, organiza unha nova edición do Concurso de Escaparates de Nadal, unha iniciativa dirixida aos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade coa que se pretende fomentar a decoración de Nadal e contribuír á ambientación das rúas durante estas datas.
O concurso está aberto a todos os establecementos comerciais e hostaleiros situados en Melide, independentemente da actividade que desenvolvan. Os participantes deberán decorar os seus escaparates ou establecementos con motivos relacionados co Nadal, tendo en conta criterios como a orixinalidade, a montaxe, a estética, a creatividade e a ambientación de Nadal.
O certame establece tres premios económicos, dotados con 1.000 euros para o primeiro clasificado, 500 euros para o segundo e 250 euros para o terceiro.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 16 de novembro ao 4 de decembro de 2026. Os establecementos interesados poderán formalizar a súa participación na Concellería da Área Económica do Concello de Melide ou a través do correo electrónico comercio@concellodemelide.gal.
Segundo recollen as bases, os escaparates deberán permanecer decorados, como mínimo, desde o 5 de decembro de 2026 ata o 7 de xaneiro de 2027. No caso de incorporar textos á decoración, estes deberán estar escritos en galego.
A decisión do xurado, encargado de valorar as propostas presentadas, darase a coñecer o 12 de xaneiro de 2027, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello.
Con esta convocatoria, o Concello de Melide, a través do edil da Área Económica, Xosé Igrexas, anima aos establecementos da localidade a participar na iniciativa e a contribuír á ambientación de Nadal na localidade.



