O líder do PP de Santiago, Borja Verea, presentou este luns unha proposta para crear unha primeira rede de cociñas propias nos centros educativos da cidade, co obxectivo de que a comida se elabore nos propios colexios onde estudan e comen os nenos e nenas composteláns.
A iniciativa enmárcase no paquete de medidas dirixidas ás familias que os populares veñen presentando nas últimas semanas e co que xa propuxeron medidas como a organización municipal das actividades extraescolares, a Parada Familiar, a Bolsa Familiar Zona Azul, o programa de inmersión lingüística en Irlanda, a nova rede de campamentos de verán, o Servizo Municipal de Canguraxe ou a Casa das Familias.
“Levamos semanas falando dunha idea moi simple: como construír un Santiago que pense máis nas familias e na vida real da xente”, explicou Verea, que situou a alimentación escolar como unha cuestión fundamental para miles de pais e nais da cidade.
O líder popular defendeu un modelo baseado na elaboración da comida nos propios centros educativos, fronte ao sistema de transporte de menús desde instalacións centralizadas. “Hai unha diferenza importante entre transportar comida nunha furgoneta e cociñar no propio colexio. Esa diferenza ten que ver coa proximidade, coa confianza e coa calidade do servizo”, sinalou.
A proposta presentada polo PP contempla unha primeira fase en tres centros educativos: Mestre Rodríguez Xixirei, Ramón Cabanillas e Lamas de Abade. Trátase de tres colexios con realidades diferentes, pero que comparten un mesmo obxectivo: permitir que máis de 500 nenos e nenas poidan comer comida elaborada no propio centro educativo.
Verea subliñou que se trata dunha proposta “seria, estudada e viable”, construída a partir dos propios informes técnicos municipais. Neste sentido, criticou que durante anos se trasladase á cidadanía a idea de que as cociñas propias eran imposibles. “O que demostran os informes do Concello é precisamente todo o contrario: que hai espazos, que hai alternativas e que Santiago pode avanzar cara a un modelo máis próximo e de maior calidade”, afirmou.
O líder do PP explicou ademais que esta iniciativa non remata nesta primeira fase, senón que nace coa vocación de seguir ampliándose progresivamente ao resto de centros educativos da cidade, adaptando cada actuación ás características e necesidades de cada colexio.
“Non todos os centros necesitan a mesma resposta, pero si merecen a mesma ambición”, asegurou.
Durante a súa intervención, Verea reivindicou a necesidade de construír políticas públicas baseadas en datos, informes e propostas realistas. “Gobernar unha cidade non é só ter ideas. Tamén é estudar os informes, analizar os datos e facer propostas viables”, destacou.
O líder popular sinalou que esta proposta constitúe o peche dunha primeira etapa de iniciativas centradas nas familias compostelás, unha liña de traballo que permitiu situar no centro do debate público cuestións como a conciliación, as oportunidades educativas, o acompañamento ás familias ou a alimentación escolar.




