O talento, a creatividade e a formación práctica do alumnado da EFA Piñeiral e da EFA A Cancela quedaron de manifestó esta mañá na final da categoría de cociña do certame Xuventude Crea; programa convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e na que participaron estudantes do ciclo formativo de Panadaría, Pastelaría e Confeitaría dos dous centros da Federación Efas de Galicia.
O primeiro premio recaeu na elaboración “Ravioli de boi, castaña e grelo”, prato realizado por Ana Yivelis Pérez González e Nayelin Ferreras, alumnas da Efa Piñeiral, O segundo premio foi para “Cremoso de chocolate branco, framboesa e pemento de Guláns”, elaborado polos alumnos da Efa A Cancela Anxo Giráldez Rodríguez e Lucas Gil Rodríguez e o terceiro para a sobremesa “Mifollas de café, castaña e augardente” proposta de Valeria Torrado Cespón da Efa Piñeiral.
A clasificación e victoria nesta fase final supón un importante recoñecemento ao traballo desenvolto polo alumnado e á aposta pola formación que combina coñecementos técnicos, innovación e creatividade no ámbito gastronómico.
A participación neste certame representa tamén unha oportunidade para que os futuros profesionais poñan a proba as súas capacidades nun contexto real de esixencia e competitividade, compartan experiencias con outros mozos e mozas e dean visibilidade ao seu talento.
Desde a Federación Efas de Galicia destacan o valor destas iniciativas como complemento á formación académica, xa que permiten ao alumnado afrontar novos retos, experimentar e desenvolver a súa autonomía achegándose á realidade profesional do sector pero tamén poñer en valor o produto e territorio.
Xuventude Crea
O certame, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dirixido a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos e ten como obxectivo estimular a imaxinación, a creatividade e a innovación, alén de ofrecer recoñecemento, formación, profesionalización e visibilidade aos novos creadores.
A edición de 2026 contou con 15 categorías: artes plásticas, nas modalidades de pintura e escultura; arte urbana; cómic; cociña; creación de videoxogos; danza moderna; deseño de xoias; DJ, fotografía; moda; música; novela curta; poesía; teatro e videocreación.



