O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañou esta mañá á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na súa visita á parcela 15 de O Bertón na que a Xunta de Galicia construirá 58 vivendas de promoción pública.
O Consello da Xunta celebrado este luns aprobou a licitación do contrato de execución das obras, unha actuación que conta cun investimento de 10,3 millóns de euros. O edificio proxectado contará con catro plantas que ocuparán unha superficie construída total de 8.698,04 metros cadrados. A planta soto estará reservada a garaxes e rochos, a baixa contará con seis portais de acceso e catro locais comerciais e as plantas primeira, segunda, terceira e cuarta distribuirán a súa superficie en vivendas de entre un e tres dormitorios.
O alcalde destacou a firme aposta da Xunta de Galicia por Ferrol, reflectida no impulso á construción de nova vivenda de promoción pública e nas actuacións de rehabilitación e recuperación residencial que se están a desenvolver na cidade. Neste sentido, lembrou que “estamos a converter o barrio no que nos atopamos, O Bertón, nun dos lugares de maior transformación urbanística de Ferrol” e fixo fincapé en que esta promoción “é froito da planificación estratéxica da Xunta co claro obxectivo de seguir ampliando o parque de vivenda alcanzable na nosa cidade e de atender a demanda real daqueles fogares que queren instalarse en Ferrol”.
O alcalde e a conselleira visitaron, ademais, as obras de vivendas públicas que a Xunta está executando nas parcelas 1 e 2 de Bertón, na rúa das Constituíntes
Na urbe naval a Xunta de Galicia ten actualmente 353 vivendas de promoción pública en diversas fases de execución.



