A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,acompañada do alcalde de O Pino, Manuel Taboada, visitou hoxe o Concello do Pino para comprobar o traballo que están a desenvolver as tres persoas contratadas ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración do Goberno galego destinada a fomentar o emprego entre persoas desempregadas ao tempo que reforza a prevención de incendios forestais e a conservación do medio rural.
Durante a visita, a representante autonómica destacou que o Concello do Pino contou cunha achega de preto de 51.000 euros, que permitiu a contratación destes tres traballadores durante 9 meses, para realizar actuacións de limpeza de montes, xestión da biomasa, mantemento de espazos naturais e outras tarefas de carácter forestal e ambiental.
A delegada subliñou que este programa contribúe a ofrecer unha oportunidade laboral ás persoas desempregadas, facilitándolles experiencia profesional e mellorando a súa empregabilidade, ao tempo que permite reforzar actuacións prioritarias para a protección do territorio e a prevención dos incendios forestais.
A representante autonómica lembrou que a Xunta convocou, este ano, unha nova edición de Galicia Suma Talento: Rural Activo, dotada con 20 millóns de euros. No conxunto da provincia da Coruña, a Xunta financiou a contratación de 283 persoas en 82 concellos, cun investimento superior aos 5 millóns de euros, consolidando esta convocatoria como unha ferramenta clave para apoiar ás entidades locais e fortalecer a prevención de lumes no territorio. No caso concreto da comarca de Arzúa, contaron co apoio da Xunta 4 concellos, O Pino, Arzúa, Boimorto e Touro, para contratar a 12 desempregados cunhas achegas de preto de 213.000 euros.
UN PROGRAMA CON NOVIDADES
Belén do Campo lembrou que o programa Galicia Suma Talento: Rural activo incorporou importantes novidades este ano para reforzar a eficacia das actuacións preventivas. Entre elas destaca a creación da figura da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios, destinada aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre a Xunta e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Estes municipios tiveron a posibilidade de contar cun contrato adicional para coordinar os equipos de traballo e planificar as actuacións de acordo coa estratexia autonómica.
Ademais, por primeira vez garantizouse aos concellos afectados polos grandes incendios forestais e aos adheridos a este convenio o mesmo número de contratacións que na convocatoria anterior. Tamén se incrementaron os apoios para os municipios con máis de 1.500 hectáreas de redes secundarias de franxas de xestión de biomasa, que puideron acceder a subvencións para ata seis contratacións destinadas a labores de prevención, ás que se puido sumar a persoa coordinadora.
A convocatoria recolle a contratación dos traballadores durante nove meses a xornada completa para desenvolver tarefas relacionadas coa planificación preventiva, a silvicultura, a limpeza de montes, a valorización forestal e a xestión da biomasa.
As axudas financian os custos salariais e da Seguridade Social das persoas contratadas, con importes que oscilan entre os 17.000 e os 26.300 euros por persoa, segundo o perfil profesional e o grupo de cotización.
O programa complétase cunha formación específica para as persoas contratadas en materias relacionadas coa prevención de incendios, o uso de maquinaria e ferramentas forestais e a seguridade no desenvolvemento destes traballos, reforzando así tanto a súa cualificación profesional como a protección sostible do medio rural galego.



