O Concello de Melide, a través da Concellería de Cultura, que dirixe Ana Mosteiro, e coa colaboración do Museo da Terra de Melide, organiza este sábado un roteiro guiado co que achegarse ao legado dos escritores e escritoras que naceron ou viviron en Melide a través das placas conmemorativa situadas nas casas nas que residiron.
O percorrido, ao que pode sumarse quen o desexe, dará comezo ás 19:00 horas desde a Rambla de San Pablo, 42 e estará guiado por Cristina Vázquez e Xurxo Broz, do Museo Terra de Melide, e contará coas intervencións dos familiares das persoas homenaxeadas e da escritora Inma López Silva.
Esta iniciativa dá continuidade á iniciativa ‘𝙊 𝙈𝙚𝙡𝙞𝙙𝙚 𝙙𝙖𝙨 𝙇𝙚𝙩𝙧𝙖𝙨’, posta en marcha con motivo das Letras Galegas 2026, cando o Concello de Melide homenaxeou estas figuras coa colocación de placas conmemorativas para preservar a súa memoria e poñer en valor o seu legado literario e cultural.
A proposta busca converter estes inmobles en espazos de memoria para que o legado literario e cultural que deixaron non sexa esquecido co paso do tempo e para que as novas xeracións coñezan e valoricen a historia literaria e cultural de Melide.
As doce placas homenaxean a doce escritores e unha escritora relacionados coa creación literaria, a investigación histórica, o ensino e a difusión da cultura popular melidense.
As placas colocadas son as seguintes:
– Eduardo Álvarez Carballido, médico-cirurxián e historiador de Melide, na Rúa do Progreso, 9.
– Emilio Pereiro Quiroga, autor de poemas e contos en prosa; e Juana Teresa Juega López, poetisa e narradora, na Rúa do Progreso, 39.
– Antonio L. Taboada Roca, farmacéutico e historiador de Melide, na Rúa do Progreso, 6.
– Manuel Taboada Roca, Conde de Borraxeiros, maxistrado e académico, na Rúa do Progreso, 6.
– Amador Rodríguez Martínez, presbítero, galeguista e investigador do folclore e da tradición oral da Terra de Melide. Coautor, xunto a Vicente Risco, do capítulo 6 do Terra de Melide (Seminario de Estudos Galegos, 1933), na rúa do Convento, 7.
– Nilo Cea Rodríguez, mestre, narrador, poeta e debuxante, na Ronda da Coruña, 10.
– Rafael Taboada Vázquez, sacerdote, museólogo e escritor, na rúa San Antonio, 4.
– Jesús Mosteiro Raído, mestre e escritor, na Rambla de San Pablo, 42.
– Xosé Manuel Rodríguez Pampín, crego, teólogo, docente e escritor, na Ronda da Coruña, 34.
– Antonio Hermida Rodríguez, avogado, historiador e investigador, na Rúa do Progreso, 15.
– Carlos Parrado Garea, investigador e activista cultural, na Rúa Mateo Segade Bugueiro, 33.
– Xosé Domingos Cidre Bastián Fuciños Gómez, “Mingos de Pita”, activista cultural e investigador, na Praza do Convento, 2.



