PUBLICIDADE

O Centro Multifuncional do Milladoiro é un novo espazo para a formación, a inclusión, a mocidade, a cultura e a dinamización económica

A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez, destacou que “este centro multifuncional é un espazo pensado para as persoas, para a convivencia e para dar resposta ás necesidades dunha sociedade dinámica, activa e en constante evolución”

Esta mañá inaugurouse o Centro Multifuncional do Milladoiro, situado na rúa do Muíño Vello. Trátase dun novo espazo que nace para ser punto de encontro, de aprendizaxe e de convivencia, que acollerá actividades dirixidas á poboación máis nova e tamén a persoas vulnerables e en risco de exclusión social. Está previsto que durante este mes de setembro se impartan os primeiros cursos de formación neste espazo. Este novo equipamento público nace co obxectivo de organizar actividades de formación, culturais, de ocio; e está dirixido á mocidade, ao emprendemento e a crear comunidade. O edificio está construído principalmente con formigón, cinc, vidro e madeira, e baixo parámetros de eficiencia enerxética.

O acto de inauguración do Centro Multifuncional do Milladoiro realizouse hoxe ás 12.00 horas. Dito acto estivo presidido polo alcalde de Ames, Blas García; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez; a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz; a técnica municipal de inserción do Concello de Ames, María Lloves; e o arquitecto de Estudio Técnico Gallego SA, Isidro López.

O alcalde de Ames, Blas García, mostrouse satisfeito: “por fin, por fin podemos inaugurar este centro multifuncional, que tanto traballo e rompeduras de cabeza nos deu. Este é un edificio de proximidade, que foi feito por unha empresa de Ames, e para que toda a xente do Milladoiro e de Ames poida vir aquí a formarse e que poida atopar un emprego. Ter un emprego de calidade achega dignidade. Nós desde aquí imos impartir formación e tratar de axudar ás persoas. Somos o concello máis xove de Galicia e este centro vai ser importante para a mocidade para xuntarse e poder formarse. O noso obxectivo é crear en toda esta zona, arredor do centro multifuncional, un gran espazo dedicado á mocidade de Ames, cun anfiteatro, zonas deportivas, e con outras infraestruturas que imos a executar no futuro”.

PUBLICIDADE

Por outra banda, tamén dixo “que O Milladoiro merece ter un centro coma este. O Milladoiro actual non ten nada que ver co Milladoiro de hai anos. Cando acabe este mandato imos ter un Milladoiro totalmente distinto ao que había. No que vai de mandato este goberno municipal leva xestionados para O  Milladoiro máis de 80 millóns de euros, a inversión máis grande que conseguiu un goberno municipal para O Milladoiro”.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, dixo “hoxe abrimos un novo espazo onde xuntarse, aprender, onde compartir e desenvolver actividades, en definitiva un novo lugar para facer comunidade. Ames é un concello que non para de medrar e cunha poboación moi nova. Ese crecemento ten que ir da man de máis servizos públicos, de lugares de encontro e de espazos nos que a xente poida compartir e convivir. Eu creo que este centro representa moi ben esa idea. Ames é tamén un referente na prestación de servizos culturais e formativos, e este novo centro vai a reforzar ese ecosistema, apostando por ofrecer máis oportunidades e mellores servizos públicos. Este edificio é un bo exemplo de para que serven os fondos europeos de desenvolvemento urbano cando se fai unha boa xestión. Estes fondos serven para crear servizos públicos, recuperar e transformar espazos, para crear lugares de encontro, e para xerar comunidade”.

A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez, destacou que “este centro multifuncional é un espazo pensado para as persoas, para a convivencia e para dar resposta ás necesidades dunha sociedade dinámica, activa e en constante evolución. Dende a Xunta de Galicia temos moi claro que a cooperación coas entidades locais é fundamental. As axudas públicas teñen sentido cando se traducen en melloras concretas e cando permiten mellorar un servizo, crear espazos ou mesmo ofrecer novas oportunidades ás persoas. Desde o goberno autonómico seguiremos apoiando aos Concellos galegos mediante diferentes liñas de colaboración e financiamento, porque sabemos que investir nos Concellos é investir no benestar dos galegos e galegas. Un edifico por si só non fai comunidade, o que fai comunidade son as persoas que o enchen de vida”.

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz, dixo “por fin chegou o día no que podemos inaugurar este centro multifuncional para a promoción económica, o lecer e a cultura. Hoxe é un día moi importante para o persoal que imparte os cursos que ofrecemos ao longo de todo o ano. Dende hoxe temos un novo espazo para axudar aos nosos veciños e veciñas na busca de emprego, algo moi importante no día a día dunha persoa. Pero tamén é importante para a nosa xuventude, para que poida xuntarse, participar en actividades e facer cursos da man da Concellaría de Mocidade”. Ademais, destacou que “na actualidade en Ames hai 1.105 persoas desempregadas, e non pararemos de traballar ata ser un dos concellos con menos taxa de desemprego”.  

Proximidade, inclusión e oportunidades

A técnica municipal de inserción do Concello de Ames, María Lloves, foi a encargada e facer unha presentación sobre a actividade que se vai impartir no centro multifuncional. A través da creación deste novo centro trátase de achegar proximidade, facilitando información e recursos municipais directamente aos veciños e veciñas do Milladoiro, eliminando barreiras xeográficas. Tamén se achega inclusión, facilitando o acceso prioritario ás persoas e colectivos sociais con maiores dificultades de inserción. Ademais, xéranse oportunidades creando un punto de encontro vivo para a formación, a mocidade, o emprendemento, a cultura e a participación.

Este novo espazo está dirixido á mocidade (disporán de servizos especializados, espazos de participación activa e alternativas para o arraigo da mocidade no concello); para o emprego (dinamización da económica local, fomento da cultura emprendedora e mellora directa da empregabilidade); e para a cohesión (inclusión social, igualdade de oportunidades e fortalecemento do tecido comunitario e asociativo). Máis alá dun centro cultural ou xuvenil, será un centro dinámico da comunidade.

Este novo centro municipal nace cunha finalidade clara, ser un instrumento de transformación social: a través a inclusión social (con espazos e actividades que favorezan a igualdade real e a cohesión da comunidade); para a mocidade (que sexa un lugar clave para a participación, a formación, a cultura e as novas iniciativas xuvenís); para a dinamización (con formación en sectores estratéxicos como as novas tecnoloxías, audiovisual, enerxías renovables, e sectores con alto grado de inserción laboral como servizos sociocomunitarios, turismo, sanidade… e emprendemento como ferramentas directas para xerar e manter emprego); e para a participación (espazo aberto e transparente, conectado coa realidade diaria do concello).

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.