PUBLICIDADE

O Concello de Brión destina máis de 523.476 euros do POS + Adicional 2/2026 a obras de mellora nos accesos a trece aldeas do municipio

PorBisbarra

Martes, 15 Setembro 2026 , , , ,
O Pleno aproba a desafectación dunha parcela de 246 m2 do CEIP de Pedrouzos para a construción dunha dársena para os autobuses escolares

O Pleno Municipal do Concello de Brión aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía de destinar 523.476 euros do POS+Adicional 2/2026 a obras de mellora dos accesos a trece aldeas do municipio e os 28.700 euros restantes a reducir a débeda municipal coa Deputación Provincial. A maiores, o Concello de Brión achegará 44.729 euros de fondos propios.

As actuacións aprobadas hoxe están incluídas en tres proxectos de obras:

  • 118.000 euros para melloras dos accesos aos núcleos de A Graña, Gronzo, Mato, Moldes, Nináns, Quintáns e Salaño Grande, que se acometerán en rego asfáltico.
  • 316.835 euros para melloras nos núcleos de Tembra, Cabreiros, Brans de Arriba e Fonte Paredes, así como a pista entre Mourentáns e a Igrexa de San Fins de Brión, todas elas en aglomerado.
  • 88.560 euros para melloras dos accesos en Gronzo.

Dársena autobuses

PUBLICIDADE

O Pleno municipal tamén aprobou por unanimidade e sen debate a Conta Xeral de 2025 e a desafectación dunha parcela de 246 metros cadrados do CEIP de Pedrouzos, que pasa de estar reservada para uso educativo a acoller unha dársena para a parada dos autobuses escolar. Un cambio para o que se solicitou tamén o permiso pertinente á Consellería de Educación, previo á súa publicación no BOP.

Precisamente, a finais de agosto a Xunta de Galicia confirmáballe ao Concello de Brión a concesión dunha achega de 500.000 euros para executar o proxecto “Mellora e acondicionamento do complexo deportivo municipal de Pedrouzos”, que conta cun orzamento total de 1,192.986 euros. Dentro desta iniciativa inclúese a construción dunha dársena cuberta para os autobuses escolares, separada do tráfico peonil. Unha cuberta de 3,5 metros de ancho que facilitará os desprazamentos a pé entre a zona de estacionamento e os accesos tanto ao CEIP de Pedrouzos como ao IES de Brión. Desta forma, o alumnado brionés estará a cuberto en caso de choiva á hora de acceder aos centros educativos.

Finalmente, o Pleno aprobou definitivamente un estudo de detalle en San Salvador de Bastavales, despois de que o proxecto contase co preceptivo informe técnico e xurídico favorable. A proposta foi aprobada cos votos a favor de PSOE e PP, e coa abstención do BNG.

Mocións

Na quenda de mocións, aprobáronse dúas presentadas polo Grupo de Goberno. A primeira, aprobada por unanimidade, era unha corrección dun erro material nunha factura de 17,55 euros. A segunda era unha moción do PSOE de Brión sobre o Bono Concilia, aprobada cos votos a favor do PSOE e BNG, e a abstención do PP.

Esta moción destaca a aposta do Concello de Brión pola conciliación familiar e pon en valor o seus sistema de pago progresivo, no que o Departamento de Servizos Sociais fai un estudo personalizado da situación da cada familia para determinar o que ten que aboar. É dicir, non é unha taxa fixa senón que cada familia achega en función da súa situación económica.

Por iso, o Pleno instou ao Concello de Brión a continuar con este sistema de financiamento ao tempo que instou á Xunta a planificar e concretar os obxectivos reais dos Bonos Concilia, a modificar o sistema de acceso aplicando un sistema semellante ao aplicado en Brión e instar á Xunta a habilitar unha liña de axudas para aquelas familias que quedaran fora da convocatoria 2026 e teñan unha situación socioeconómica que así o xustifique.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.