A Xunta Directiva do GDR Ulla Tambre Mandeo deu onte luz verde aos proxectos de investimento das axudas LEADER no territorio dos 9 concellos onde opera este Grupo de Desenvolvemento Rural por importe total de 3.3031.658 € de investimento, o que dá conta da importancia deste programa europeo para os concellos e as iniciativas empresariais no rural do interior da provincia da Coruña.
En concreto, o GDR subvencionará dezaoito proxectos, entre os que destacan dous relativos a concellos onde os beneficiarios serán o Concello de Boimorto e o Concello de Toques, este último cunha resolución parcial de fondos. Ambas entidades locais poderán así executar obras que supoñan a ampliación da residencia da 3º idade de Boimorto así como a posta en marcha, no seu caso, dunha vivenda social no concello de Toques.
En canto aos proxectos de iniciativa privada, o GDR subvencionará catorce iniciativas das dezaseis iniciais presentadas cunha axuda pública de 676.253,37 €, o que supoñerá a súa vez un investimento privado de 2.324.689,37 € no territorio. Nesta categoría hai proxectos de toda índole; financiarase unha pensión de dúas estrelas en Sendelle, Boimorto; a ampliación dos servizos do centro ecuestre do Marco das Pías en Sobrado; unha instalación lúdico-infantil en Melide; un centro de benestar equino no concello de Arzúa; a instalación dun crematorio no parque empresarial arzuán; melloras técnicas de maquinaria en empresas de Arzúa e Melide; a ampliación dun taller de maquinaria agrícola en Toques e a ampliación dunha iniciativa do comercio ao por maior no rural no concello de Vilasantar.
En canto aos proxectos relativos a asociacións, destaca a iniciativa promovida pola Asociación Vacaloura Santuario Animal, que propón unha renovación medioambiental circular da auga da protectora, que supoñerá un investimento de 181.372 euros cunha porcentaxe de axuda de case o 89% dos fondos. Cunha asignación parcial dos fondos queda outro proxecto punteiro, Vilasantar Enerxía, de creación dunha comunidade enerxética veciñal no Concello de Vilasantar.
O programa Leader demostra así un ano máis a súa madurez no territorio e a necesidade de que Europa sigan a financiar este tipo de programas nos concellos rurais como aqueles nos que opera o GDR Ulla Tambre Mandeo co fin de promocionar novas oportunidades de negocio e de emprendemento, ademais de mellorar a vida dos veciños dende o ámbito municipal.
XUNTANZA DE COMUNIDADES ENERXÉTICAS
O GDR Ulla Tambre Mandeo mantén diferentes programas de cooperación con outros grupos de desenvolvemento rural, e aproveitou a xunta directiva desta mañá para realizar unha charla informativa sobre as comunidades enerxéticas e a posibilidade de implantación no territorio. En concreto, a comunidade de montes de Boimil foi unha das entidades convidadas mostrando o seu interese pola iniciativa. O GDR actúa como axente dinamizador deste tipo de iniciativas mediante o proxecto de cooperación Redenerxía.



