A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a Casa da Cultura de Boimorto para comprobar as melloras executadas co apoio da Xunta. As obras contan cunha achega do Goberno galego de case 120.000 euros ao abeiro da orde para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais, dotada con 5 millóns de euros e cofinanciada con fondos europeos Feder.
Os traballos céntranse na rehabilitación enerxética da fachada a través dun novo sistema de illamento no exterior, ao que se suma outro no interior a través de falso teito illado con lá mineral. Ademais, inclúe a renovación das carpinterías por outras de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre. Tamén se contribúe ao incremento da eficiencia dos sistemas de iluminación coa substitución das luminarias existentes por outras de tecnoloxía led e dun sistema de control e regulación da iluminación artificial, así como do sistema de climatización coa colocación dunha caldeira para a combustión de pellets.
A directora xeral lembrou que a Orde de axudas para melloras de eficiencia enerxética contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027.
Natalia Prieto enmarcou o apoio da Xunta nestas actuacións no compromiso coas entidades locais, ao ser as máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos como é o caso neste exercicio da Orde de infraestruturas de uso público por 3,5 millóns de euros, xunto con outros 10 millóns de euros para proxectos municipais de carácter estratéxico, os máis de 11,4 millóns do Fondo de Compensación Ambiental ou os 3 millóns do Plan de Acción Comunitaria, así como a nova liña para a adquisición de maquinaria destinada á prevención de incendios forestais, dotada con un millón de euros e cofinanciada con fondos Feder. A través de liñas de axudas da Dirección Xeral de Administración Local coma estas, o concello de Boimorto recibiu nos últimos anos máis de 1,3 millóns de euros.
O apoio ás entidades locais conta ademais este ano con 187 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local, un 12% por riba de 2025. Así, o compromiso da Xunta co municipalismo materialízase neste 2026 nunha cifra histórica de 670 millóns de euros destinados aos concellos a través das distintas consellerías, 30 millóns máis que no exercicio anterior.
Nesta liña, Natalia Prieto salientou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais, xa que o apoio do Goberno galego permitiu o ano pasado impulsar preto dun milleiro de proxectos cun investimento de máis de 37,5 millóns de euros, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos.



