PUBLICIDADE

Nestlé inviste preto de 4 millóns de euros entre os gandeiros galegos

O presidente da Xunta visitou hoxe a Granxa Doroña SAT, en Arzúa, provedora de Nestlé

Para Nestlé, case dous terzos das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) do noso planeta proceden da agricultura e a gandería. Por iso, a compañía de alimentación segue avanzando no seu compromiso de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nas granxas que lle provén de leite na comunidade galega. Para conseguilo, Nestlé xa investiu preto de 4 millóns de euros desde 2021 en máis de 60 das 83 granxas que lle fornecen leite en Galicia e coas que colabora, para fomentar a redución de emisións, mellorar o benestar animal do gando e fomentar a agricultura rexenerativa e a biodiversidade.

Así mesmo, co obxectivo de animar aos gandeiros para implementar medidas nas súas explotacións para conseguilo, Nestlé abonou desde o 2023 preto de 1,5 millóns de euros en concepto de prima económica sobre o prezo do leite a aquelas granxas que as desenvolvan nesta comunidade autónoma.

Estas prácticas van especialmente dirixidas a rexenerar a calidade do chan, protexer as fontes de auga e fomentar a biodiversidade.

Nestlé deu a coñecer estes investimentos durante a visita realizada esta mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a unha das granxas que prové de leite a fábrica de leite condensado A LEITEIRA, situada en Pontecesures (Pontevedra). O presidente galego estivo acompañado pola Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, así como polo director xeneral de Nestlé España, Jordi Llach, e por representantes de entidades que colaboran coa compañía como Fundación Global Nature ou SÉ BirdLife, entre outros. “En Nestlé estamos convencidos de que o futuro da alimentación pasa por seguir traballando man a man xunto ao sector primario. Grazas ao compromiso dos gandeiros galegos cos que colaboramos, estamos a demostrar que é posible reducir emisións, reforzar a biodiversidade e seguir garantindo unha produción láctea de calidade. Estes investimentos reflicten a nosa vontade de acompañar ao campo na súa transformación e xerar valor compartido para as comunidades rurais”, destacou Jordi Llach. Un exemplo diso é a granxa SAT Doroña situada en Arzúa (A Coruña) que se visitou . Así, Raúl Varela, fillo dun dos propietarios, quixo destacar durante o encontro que “os mozos gandeiros como eu formamos parte dunha nova xeración que quere seguir vinculada o sector lácteo. Nos últimos anos, co asesoramento e a colaboración de Nestlé, puxemos en marcha medidas para reducir o impacto ambiental da explotación, fomentar a biodiversidade e a agricultura rexenerativa e velar polo benestar animal do gando. Son pasos que nos permiten avanzar cara a unha granxa máis eficiente, innovadora e respectuosa coa contorna, sen perder a esencia da gandería familiar”.

PUBLICIDADE

RUEDA ANUNCIA QUE A XUNTA DESTINARÁ MÁIS DE 3,6 M€ EN AXUDAS PARA COMPENSAR O SOBRECUSTO DO GASÓLEO E DOS FERTILIZANTES NO SECTOR AGROGANDEIRO

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego lanzará unha orde de axudas que superará os 3,6 millóns de euros para apoiar directamente aos agricultores e gandeiros galegos fronte ao aumento dos custos de produción, especialmente no referido ao gasóleo agrícola e aos fertilizantes.

Estes 3,6 millóns resultan dunha achega da Comisión Europea de 1,6 millóns, que a Xunta complementará con outros 2 adicionais para garantir unha cobertura máis ampla e axustada ás necesidades reais do sector. “Cando hai momentos de dificultade, hai que corresponder co esforzo da xente que o fai ben como é o caso do noso sector primario, polo tanto creo que é o momento de axudar”, asegurou durante a súa visita ás instalacións da Granxa Doroña SAT en Arzúa, provedora da planta de Nestlé en Pontecesures.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.