“Un dos problemas que temos é que a transición enerxética retardouse, ten un menor desenvolvemento. E hoxe en día, coa actual crise enerxética que estamos a ver cos combustibles fósiis, pódese volver acelerar. Iso implicaría a electrificación da industria, a expansión dos centros de datos, a mobilidade eléctrica e a progresiva substitución dos combustibles fósiis por unha enerxía limpa e respectuosa co medio ambiente. E Galicia reúne os recursos renovables, as capacidades industriais e o coñecemento especializado suficiente para desempeñar un papel protagonista”. Estas palabras do secretario da Agrupación industrial de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Nonito Aneiros, resumen o sentir dos relatores que participaron esta mañá no foro Energy Days, que se desenvolve ata o domingo no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago).
“É necesario acelerar a transición enerxética para garantir a competitividade da industria, o emprego de calidade, a seguridade da subministración enerxética e a autonomía”, coincidiu Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia, para quen “a descarbonización e a electrificación permitirannos evitar as crises económicas que provocan a dependencia de combustibles fósiis importados. Coa utilización das nosas enerxías nacionais, autóctonas e renovables seguiremos avanzando na loita contra o quecemento global”.
Ademais, asegurou que “é necesario establecer un marco de estabilidade regulatoria que atraia investimentos cara ás redes eléctricas”.
EXPLICARSE MELLOR Á SOCIEDADE
Pola súa banda, Julio Arca Ruibal, CEO e CFO de Genesal Energy, destacou que “os profesionais do sector temos a obrigación de explicarnos mellor e a sociedade, a responsabilidade de querer entender. Necesitamos construír unha verdadeira licenza social porque a transición enerxética non consiste só en minimizar impactos, require a aceptación consciente de que calquera modelo enerxético tenos e esixe que a sociedade civil e cada usuario asuman o seu parte mediante a eficiencia e o uso responsable”.
Ademais, aplaudiu a decisión do Gobierno de prolongar a vida útil das centrais nucleares porque “mentres non haxa renovables suficientes, temos que apostar polas nucleares e non depender de gas. É contraditorio quitar enerxía nuclear para introducir gas”. Unha situación que require dunha aposta polo almacenamento enerxético: “ten que ser unha realidade e xa chega un pouco tarde”, lamentando a desinversión que están a sufrir algúns proxectos fotovoltaicos pola ausencia de sistemas que permitan o almacenamento da enerxía e un reforzo das redes de transporte.
Neste sentido, destacou a necesidade de reforzar a rede eléctrica para a implantación de novos proxectos económicos en lugares como a Plisan de Vigo, Curtis ou en Lugo.
Catrocentas asistentes e máis de 100 relatores
Como ben coincidiron tanto Nonito Aneiros como Pablo Fernández, o foro Energy Days converteuse no “encontro de referencia para o sector enerxético”.
Así, durante os próximos días Santiago de Compostela acollerá a representantes de empresas, administracións e centros tecnolóxicos, así como profesionais vinculados ao sector da enerxía. Máis dun centenar de prestixiosos relatores e máis de catrocentas persoas rexistradas para asistir a algunha das oito mesas de debate, tres xornadas especializadas e dous seminarios que compoñen o programa máis amplo e ambicioso das tres edicións deste foro, organizado por Cluergal. Os Energy Days organízanse ao redor de 3 grandes bloques temáticos: o mércores 30 de setembro estivo dedicado a Energy Industries, con sesións sobre eficiencia enerxética, almacenamento e dixitalización; mañá xoves 1 de outubro estará centrado nas Energy Cities, con relatorios vinculados aos retos enerxéticos nas contornas urbanas (edificios, mobilidade, sustentabilidade…); e o venres 2 de outubro estará dedicado a Wind Galicia, onde se examinará a situación actual de sector eólico.
Consulta o programa completo en www.energydays.es.




