PUBLICIDADE

O Pino destina 118.000 euros á senda peonil de Regas ao cruce de Casal e contará cunha achega da Deputación da Coruña de 94.500 euros

O Pleno aproba a senda peonil de Regas a cruce de Casal, en San Breixo

O Pleno da Corporación do Pino aprobou onte o proxecto da senda peonil que vai de Regas ao cruce de Casal, que conta cun orzamento base de licitación de 118.158, 35 euros. A obra financiarase con fondos propios e cunha subvención nominativa da Deputación da Coruña de  94.526,68 euros, que tamén foi aceptada na sesión.

A obra consistirá na construción dunha senda peonil de 540 metros de longo por 1,8 metros de ancho, cunha campa de 15 centímetros de zahorra e 5 de aglomerado en quente, que irá dende Regas ata o cruce de Casal. Esta senda conectará coa que xa está licitada e se construirá en breve dende o cruce de Casal ata o cruceiro da igrexa de San Breixo. Cando rematen estas dúas obras, darán continuidade a senda que actualmente vai dende a N-547, a altura do Casqueiro, ata a igrexa de San Breixo de Ferreiros.

A obra conta cun orzamento de 118.158 euros e, para a súa execución, o Concello conta cunha achega de 94.526 euros que foi aprobada pola Deputación da Coruña no Pleno do pasado 18 de setembro. O resto do importe, 23.632 euros, será asumido polo Concello do Pino con fondos propios

PUBLICIDADE

Tamén por unanimidade, a Corporación do Pino aprobou no Pleno de hoxe prorrogar por un ano o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) coa empresa O Espertar Servizos Sociais SL, que foi a firma adxudicataria na licitación deste servizo, cun orzamento de 666.407 euros anuais.

A prórroga do contrato mantense nas mesmas condicións nas que foi adxudicado: cun prezo de  23,46 euros a hora de dependencia en días hábiles e sábados; 25,82 euros os domingos e festivos, e de 24,81 euros a hora de libre concorrencia.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.