A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitaron o parque empresarial da Madanela, en Melide, para coñecer o resultado das actuacións de mellora das súas infraestruturas, que contaron cunha achega autonómica de preto de 39.000 euros para a renovación da iluminación pública e outra de máis de 14.000 euros para mellorar a xestión dos residuos. En total, a Xunta destinou máis de 53.000 euros a estas intervencións, que xa están executadas.
O recinto empresarial ocupa unha superficie de 215.588 metros cadrados e alberga 86 empresas en funcionamento, polo que constitúe un dos principais espazos de actividade económica da comarca da Terra de Melide.
Belén do Campo puxo en valor o resultado destas actuacións, que permiten avanzar na eficiencia enerxética, mellorar a seguridade das instalacións e facilitar a recollida selectiva de residuos. A delegada destacou a importancia de que os parques empresariais dispoñan de infraestruturas modernas, eficientes e adaptadas ás necesidades das empresas, contribuíndo así á competitividade da actividade económica local.
As intervencións enmárcanse na convocatoria de axudas de 2026 da Xunta para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos, dotada con 3,5 millóns de euros e destinada a financiar actuacións que favorezan a modernización e a sustentabilidade destes espazos.
Un aforro do 70 % no consumo eléctrico
Entre as actuacións xa realizadas destaca a renovación do alumeado público mediante a substitución de 36 luminarias de vapor de sodio por outras de tecnoloxía LED, máis eficientes e regulables. Os traballos incluíron tamén a renovación de aproximadamente 1.800 metros de cableado deteriorado, a instalación de dúas columnas de iluminación de 12 metros de altura e a reparación e mellora dos cadros eléctricos de mando e protección.
En concreto, instaláronse 13 luminarias de 100 vatios, oito de 60 vatios e outras 15 de 50 vatios, adaptadas ás necesidades da instalación. O aforro se reflicte no consumo eléctrico anual estimado, que pasa de 32.850 quilovatios hora a 9.785,65 quilovatios hora. Isto supón unha redución do 70,21 %.
A intervención completouse coa renovación de distintos elementos dos cadros eléctricos, a substitución dos interruptores diferenciais por modelos rearmables, a reparación das conexións internas, a mellora da estanquidade das envolventes e a posta a terra dos cadros de mando e protección. Estas actuacións contribúen a reforzar a seguridade, a fiabilidade e a durabilidade da instalación.
Máis medios para a recollida selectiva de residuos
A Xunta destinou tamén máis de 14.000 euros a mellorar a xestión dos residuos no polígono. A actuación permitiu ampliar os medios dispoñibles para a recollida selectiva nun recinto que xa conta cun punto limpo municipal, pero que precisaba reforzar a dotación de contedores nas súas vías interiores.
En concreto, instaláronse en total 23 contedores, dez contedores azuis de tres metros cúbicos de capacidade para papel e cartón e 13 contedores amarelos de 1.100 litros para envases de plástico, metal e briks. A súa distribución polas vías do recinto, especialmente nas proximidades dos accesos ás empresas, facilita o depósito dos residuos e favorece a súa separación na orixe.
Estes novos medios permitirán xestionar arredor de 27 toneladas anuais de papel e cartón e aproximadamente 159 toneladas de envases ao ano, de acordo coas frecuencias de recollida previstas.
A mellora complementa os servizos do punto limpo de Melide, situado no propio polígono, que permite depositar diferentes tipos de residuos, como aceites vexetais, restos de pequenas obras, podas, baterías de automóbiles, electrodomésticos, mobles, colchóns e outros residuos voluminosos.




