A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, visitou esta mañá o porto de Mugardos. O obxectivo era comprobar o estado das instalacións no bordo portuario e afondar nunha proposta de reforzo da seguridade. No seu percorrido polo porto mugardés, Botana estivo acompañada polo alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus.
A presidenta de Portos de Galicia e o rexedor afondaron nas prioridades de actuación na pasarela peonil que discorre ao longo do bordo portuario. Así, consensuaron as necesidades de actuación nesta instalación. A este respecto, destacaron a forte exposición dos materiais ás condicións meteorolóxicas e a acción do mar. Neste sentido, coincidiron na necesidade de empregar materiais de forte resistencia e durabilidade para as obras de reforzo.
A actuación sobre a pasarela de Mugardos figura na planificiación orzamentaria de Portos de Galicia para 2027 cunha partida plurianual para o vindeiro exercicio e o 2028.




