Unións Agrarias lamenta a falta de ambición das reducións na presión fiscal para as explotacións agrícolas e gandeiras que ven de anunciar o Ministerio de Agricultura.
No plan proposto para os case 50.000 produtores galegos que están no réxime de cotización en módulos, proponse unha rebaixa do 10% cando no ano 2023, nunha situación de incremento de custes menos gravosa que a actual, se acadou o 15%. Ademais na táboa de minoración de produtos afectados pola crise como o gasóleo ou os fertilizantes, non se inclúe un elemento de primeira necesidade como son os pensos que tal como ven advertindo a organización agraria, están multiplicando o seu prezo nas lonxas de referencia por factores como a seca ou a inestabilidade das liñas do comercio internacional.
Hai que destacar que estas explotacións tipo de menos de 250.000 euros de ingresos no caso das granxas de leite (360.000 litros de produción), cobran de media un 3 cts/l respecto das de maior volume polo que as súas rendas están comprometidas.
En Galicia case o 60% das explotacións de leite están por debaixo dos 500.000 litros en produción de aí a importancia de que as rebaixas fiscais teñan unha incidencia real para capear unha crise de prezos no que unha granxas como a referida con 50 vacas, ten que soportar un custe anual de 7.000 euros de fertilizantes, 1.500 de gasoil e 116.000 de penso.



