O Concello de Ames participou os días 21 e 22 de outubro en Granada no encontro europeo de capacitación «Innovación Urbana: otras formas de hacer ciudad», organizado pola Iniciativa Urbana Europea (EUI). A cita reuniu máis de 200 representantes políticos e técnicos de Concellos e Deputacións de España e doutros países europeos para compartir experiencias, coñecer novas metodoloxías e avanzar na transformación urbana desde a innovación, a sustentabilidade e a participación cidadá.
O alcalde de Ames, Blas García, participou neste espazo de traballo e aprendizaxe, no que se abordaron os principais desafíos que afrontan as administracións locais á hora de planificar o futuro dos seus municipios e desenvolver proxectos transformadores. O encontro enmárcase na implementación das Estratexias de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) e dos seus Plans de Actuación Integrados (PAI), instrumentos destinados a impulsar actuacións de desenvolvemento urbano sostible co apoio dos fondos europeos.
O alcalde de Ames, Blas García, explica que “durante esta semana participamos en Granada nun encontro de Concellos e outras institucións sobre a xestión dos fondos europeos. Para nós son unhas xornadas moi importantes e necesarias xa que Ames é beneficiario de 11 millóns de euros para xestionar durante os próximos anos en catro proxectos incluídos eno Plan Conecta Ames”.
“Neste encontro participamos o técnico de fondos europeos, a secretaria municipal e máis eu para aprender, compartir experiencias e explicar o que estamos facendo en Ames, desde a mobilidade ata o sistema de alimentación que temos vinculado ao mercado municipal de abastos. Deste xeito, explicamos o que pretendemos facer con estes fondos europeos, pero estas xornadas tamén nos serviron para escoitar a outros Concellos”.
“Ames é un concello en constante crecemento e temos por diante retos importantes. Por iso é fundamental participar nestes encontros, coñecer experiencias que están a funcionar noutros lugares e explorar novas oportunidades para seguir mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza”, sinalou Blas García.
Relatorios, presentacións de boas prácticas, obradoiros e visitas
O programa combinou relatorios, presentacións de boas prácticas nacionais e europeas, obradoiros interactivos e visitas a proxectos de Granada e da súa área metropolitana. Os traballos organizáronse arredor de tres eixes: o marco institucional e a gobernanza, a mobilización de recursos e financiamento, e a monitorización e gobernanza dos datos.
A participación neste encontro permitiu coñecer novas ferramentas para afrontar a planificación urbana, intercambiar experiencias con outras administracións e identificar enfoques que poden contribuír ao desenvolvemento de políticas públicas máis eficaces, sostibles e inclusivas.
Neste sentido, o Concello de Ames destaca a importancia de aproveitar as oportunidades que ofrecen os programas europeos para reforzar a capacidade municipal de planificación e execución de proxectos. A cooperación entre cidades e o intercambio de coñecementos constitúen tamén unha vía para coñecer solucións innovadoras e adaptalas ás necesidades específicas do municipio.
“O futuro de Ames tamén se constrúe participando, aprendendo e aproveitando as oportunidades que nos ofrece Europa. Queremos seguir avanzando cara a un concello moderno, sostible, accesible e pensado para as persoas, con planificación e visión de futuro”, concluíu o alcalde.
Con esta participación, Ames reafirma o seu compromiso coa innovación urbana, a mellora dos espazos públicos e a procura de novas solucións para responder aos desafíos dun municipio en crecemento.



