A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial nos ríos Piñeiro e Santa Lucía, no concello de Teo.
En concreto, as tarefas, desenvólvense, por unha parte, no río Piñeiro, ao paso polos lugares de Piñeiro, Freiría e Ribeira, nas parroquias de Reis e Rarís. Neste río actúase nun treito cunha lonxitude de 1,5 quilómetros.
Por outra parte, tamén se efectúan labores no río Santa Lucía, no seu transcurso polos lugares de Oliveira e Pontevea, na parroquia de Reis. Neste caso, os traballos lévanse a cabo en 3,2 quilómetros. En total, en ambos ríos, a Xunta está a actuar en 4,7 quilómetros.
Os traballos, que se prolongarán ao longo de oito semanas, realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadeiras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor e unha minidumper. As tarefas consistirán na retira de árbores caídas e biomasa nas canles, así como na roza puntual de acceso aos ríos.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída na canle.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.



