PUBLICIDADE

Do Campo e Villares asisten en Arzúa a un acto organizado pola Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés

O encontro reuniu representantes dos municipios galegos da ruta e do Camiño de Santiago en Gran Canaria

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participaron en Arzúa no acto organizado pola Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés baixo o lema “Camiñando cara ao Xacobeo 2027”, un encontro que reuniu representantes institucionais dos concellos galegos desta ruta e dos municipios do Camiño de Santiago en Gran Canaria, co obxectivo de reforzar os vínculos de cooperación e avanzar na preparación do próximo Ano Santo.

O acto contou tamén coa presenza de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, así como dos alcaldes e representantes municipais dos concellos integrantes da Mancomunidade e das localidades de San Bartolomé de Tirajana, Tejeda e Gáldar, vinculadas ao itinerario xacobeo de Gran Canaria, co que a entidade galega mantén unha relación de irmandamento.

O Camiño Francés, continúa sendo o itinerario máis percorrido. En 2025 rexistrou preto de 242.000 peregrinos que obtiveron a Compostela, o que representa aproximadamente o 45,6 % do total das persoas que completaron as diferentes rutas xacobeas. Unha cifra que evidencia a súa relevancia internacional e a necesidade de seguir investindo na conservación do trazado, na calidade dos servizos e na atención ás persoas peregrinas. En relación con este ano, de xaneiro a outubro o número de peregrinos rexistrados foi de 239.556, fronte aos 235.091 contabilizados no mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento interanual do 1,9% con 4.465 peregrinos máis.

PUBLICIDADE

O Goberno galego mantén unha colaboración continuada coa Mancomunidade e cos concellos que a integran para favorecer a mellora e promoción desta ruta. Como mostra deste compromiso, está vixente o novo convenio autorizado polo Consello da Xunta, que contempla unha achega autonómica, este ano, superior aos 1,12 millóns de euros para impulsar actuacións vinculadas ao Camiño Francés e preparar a programación da Mancomunidade con vistas ao Xacobeo 2027.

Este acordo abrangue os concellos de Arzúa, Melide, Triacastela, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos e Sarria, que desenvolverán as actuacións previstas en colaboración coa Mancomunidade e co financiamento de Turismo de Galicia.

O convenio establece dúas liñas de actuación. A primeira está destinada aos concellos e inclúe intervencións de mellora paisaxística e embelecemento de bens e recursos situados no trazado, actividades culturais e turísticas para promover o Xacobeo 2027 e o reforzo do persoal técnico das oficinas municipais de turismo.

A segunda liña céntrase na propia Mancomunidade, que contará con financiamento para desenvolver unha acción anual de promoción do Camiño Francés e do Ano Santo, así como para a contratación de persoal técnico encargado de coordinar estas iniciativas cos municipios.

Desde a Xunta se traballa intensamente  para que o Xacobeo 2027 sexa unha oportunidade para seguir proxectando Galicia internacionalmente, pero tamén para que os beneficios da actividade xacobea cheguen aos concellos, ao comercio, á hostalaría e ao conxunto do tecido económico dos territorios polos que transcorren os diferentes camiños.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.