A Deputación da Coruña celebrará o vindeiro venres, 13 de novembro, en Melide, unha nova sesión do ciclo de conferencias “Vida Saudable e Envellecemento Activo”, coa participación do doutor Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e catedrático de Oncoloxía da USC. Baixo o título “O cancro, prevención e tratamento”, a charla achegará á cidadanía información sobre a enfermidade, os avances científicos que están a transformar o seu diagnóstico e tratamento e as medidas que cada persoa pode adoptar para reducir o risco de padecela.
A conferencia abordará, dun xeito divulgativo e accesible, que é o cancro, por que se produce e como evolucionou a súa abordaxe nas últimas décadas. O doutor López López explicará os importantes avances acadados na investigación oncolóxica, desde os tratamentos convencionais, como a cirurxía, a radioterapia e a quimioterapia, ata as novas terapias dirixidas e a inmunoterapia, así como o potencial de ferramentas innovadoras como a intelixencia artificial e os novos métodos de detección temperá.
Un dos eixes centrais da intervención será a prevención, polo que o especialista incidirá na importancia de adoptar hábitos de vida saudable como non fumar, reducir o consumo de alcohol, manter unha alimentación equilibrada, practicar actividade física con regularidade, protexerse da exposición solar e manter un peso saudable.
A iniciativa pretende achegar información médica rigorosa e combater falsas crenzas arredor dunha enfermidade que cada ano se diagnostica a uns 20 millóns de persoas en todo o mundo. Ao mesmo tempo, busca poñer en valor o papel da investigación científica e transmitir unha mensaxe fundamental: os avances no coñecemento e nos tratamentos permiten mellorar cada vez máis as perspectivas das persoas diagnosticadas, pero a prevención e a detección precoz seguen a ser ferramentas fundamentais.
O doutor Rafael López López conta cunha ampla traxectoria clínica, docente e investigadora. Ademais de dirixir o Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago, coordina a área de Cancro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e preside a Asociación Española de Investigación contra o Cancro (ASEICA).
O ciclo “Vida Saudable e Envellecemento Activo” continuará no mes de decembro en A Pobra do Caramiñal, cunha nova conferencia dedicada á obesidade. A través deste programa, a Deputación reforza o seu compromiso coa promoción de hábitos saudables, a prevención da dependencia e a igualdade de oportunidades no acceso á información sobre saúde, con especial atención ás persoas maiores e á poboación dos municipios rurais.




