A Deputación da Coruña investirá 94.526,68 euros na construción da nova senda peonil entre Regas e Cruce Casal, no concello do Pino. Así o asinaron hoxe o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde do Pino, Manuel Taboada. O convenio de cooperación serve para cofinanciar estas obras, cunha achega provincial que supón o 80% do orzamento total das obras , fixado en 118.158,35 euros. O 20% restante será asumido polo Concello do Pino con recursos propios.
O proxecto contempla a execución dun itinerario peonil de 540 metros de lonxitude e 1,8 metros de ancho, dotado de pavimento de aglomerado en quente e delimitado por bordos de formigón. Na zona de entronque co Camiño de Santiago, a senda contará cun acabado específico en formigón desactivado para integrar a infraestrutura na contorna.
Ademais da creación do espazo para viandantes, os traballos inclúen a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais con 540 metros de tubaxe, 14 pozos de rexistro e 16 arquetas, así como a construción dun muro de contención de formigón de dez metros e o acondicionamento do firme dos viarios lindeiros. O prazo estimado para a execución completa dos traballos é de seis meses a partir da súa adxudicación.
A Deputación e o Concello do Pino buscan garantir desprazamentos seguros para a veciñanza, prestando especial atención á protección de persoas maiores, nenos e colectivos vulnerables, ao tempo que se reforza a accesibilidade das conexións internas do municipio.




