O cabeza de lista do BNG por A Coruña, Néstor Rego, animou na apertura de campaña en Santiago a concentrar o voto no BNG para defender “con máis forza a Galiza, os dereitos sociais e democráticos e medidas eficaces para a vivenda porque a mocidade ten dereito a que non lle rouben os seus soños nin os seus proxectos de vida”.
En alusión ás masivas manifestacións na Galicia na folga xeral do 11N, apelou a trasladar “esa mobilización social, na que destacou a exemplaridade da mocidade, ás urnas, confiando no BNG que nunca defrauda e que é a única alternativa sólida, seria e coherente na Galiza”. Afirmou que o BNG “é a única forza que sobe na Galiza e que estamos a disputarlle escanos á dereita e á ultradereita en varias circunscricións”, pedindo “concentrar todo o voto no BNG porque é o voto útil. É o voto de quen quere máis Galiza, avances sociais e frear ao bloque reaccionario”.
“O BNG é unha alternativa seria, sólida e coherente”
Dirixiuse ás persoas que “no pasado confiaron nas forzas políticas que conforman o Goberno e que sabemos que moitas están decepcionadas polos incumprimentos, por medidas a medio gas, por non ter derrogado a Lei Mordaza ou a reforma laboral do PP integramente, ou por non aplicar medidas eficaces e valentes en vivenda. Entendemos a decepción mais non poden ficar na casa porque iso é xusto o que quere o bloque reaccionario”, enfatizou.
Neste sentido, pediu que confíen no BNG porque é unha alternativa seria, sólida, coherente, de defensa dos intereses do noso país e das maiorías sociais. Un BNG que cumpre os seus compromisos e nunca falla”, indicou. Asegurou que o BNG “é unha alternativa positiva para a Galiza” e tamén para contribuír a facer un futuro diferente e de avance en dereitos sociais e democráticos.
O BNG loitará por medidas valentes en vivenda
Tamén se dirixiu á mocidade galega que onte deu un exemplo nas masivas mobilizacións e que quere medidas eficaces en vivenda. “Hai alternativa e chámase BNG. Loitaremos por medidas valentes e eficaces para que se cumpra o dereito a unha vivenda digna”.


