PUBLICIDADE

O Pleno abordará a participación na segunda fase do POS+ Adicional dotado con 569.317,42 euros

PorBisbarra

Martes, 24 Novembro 2026 , , , , ,
Na sesión plenaria, a Corporación municipal abordará a aprobación da modificación da ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e demais ingresos de dereito público; e a modificación do lote 1 do contrato do servizo de limpeza nos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias

Este xoves, 26 de novembro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal abordará a aprobación da modificación da ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e demais ingresos de dereito público; a modificación do lote 1 do contrato do servizo de limpeza nos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias; a solicitude de adhesión ao convenio Xunta de Galicia – Fegamp da administración dixital; a ratificación do decreto da Alcaldía sobre a subsanación de deficiencias na redacción do proxecto de acondicionamento de beirarrúas da avenida da Maía; a solicitude de adhesión a Concellos contra o cancro; a participación na segunda fase do POS+ Adicional 4/2026; e o convenio para a realización de procesos selectivos de policía municipal por parte da Academia Galega de Seguridade. Por último, abordarase unha moción do grupo municipal de Espazo Común de Ames para reforzar a resposta municipal ante as situacións de urxencia e emerxencia habitacional no Cncello de Ames. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao mes de outubro e novembro, así como dunha addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames, para a construción do Mercado municipal e abastos.

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de outubro celebrada o pasado 29 de outubro. De seguido tratarase a aprobación da modificación da ordenanza fiscal xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e demais ingresos de dereito público do Concello de Ames, para o establecemento dunha contía mínima por debaixo da cal non se procederá á emisión de liquidacións por resultar antieconómicas.

PUBLICIDADE

Deste xeito, en dita ordenenza recollerase que non se practicarán liquidacións de débedas tributarias e de ingresos de dereito público, tanto liquidacións de ingreso directo como de cobro por recibo, cando o importe sexa inferior a 6,01 euros. Producirase a anulación e baixa na recadación e na contabilidade de todos os valores de alta dos que resulten débedas inferiores a este importe, contía que se estima como insuficiente para a cobertura do custe de exacción e recadación.

Quedarán excluídas do anterior aquelas débedas que teñan un importe menor a 6,01 euros, pero correspondan a tributos e ingresos de dereito público cuxo ingreso se efectúe mediante autoliquidación presentada pola persoa contribuínte, sempre que a normativa reguladora do ingreso estableza expresamente este sistema.

Servizo de limpeza nos centros de ensino

Outro dos puntos que se van abordar é a segunda modificación do lote 1 do contrato do servizo de limpeza nos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias. A necesidade de realizar unha segunda modificación do contrato, que supón un incremento de 205 horas anuais e un importe de 3.373,48 euros/ano, está motivada na ampliación das instlación do CEIP Agro do Muíño, a utlización das instalación do IES de Bertamiráns durante a Escola de Verán, e o incremento de traballos de limpeza noutros centros de ensino.

O importe da modificación ascende 3.373 euros (IVE incluído), que se corresponde cun incremento anual de horas de 205 non superando así a porcentaxe do 20% de modificación do contrato. O importe total anual do contrato, unha vez efectuada a modificación do contrato ascendería a 296.504 euros (IVE incluído).

Convenio administración dixital

A continuación vaise tratar a solicitude de adhesión ao convenio Xunta de Galicia – Fegamp da administración dixital. O pasado 13 de novembro de 2025, a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), subscribiron un convenio de colaboración para o desenvolvemento dunha administración dixital nas entidades locais de Galicia, con vixencia ata o 31 de decembro de 2028.

O devandito convenio ten por obxecto poñer á disposición das entidades locais galegas un conxunto de plataformas, infraestruturas, servizos tecnolóxicos compartidos e recursos formativos que faciliten o cumprimento das obrigas legais en materia de administración electrónica, interoperabilidade e seguridade da información.

Proxecto de beirarrúas de Bertamiráns e Concellos contra o cancro

Por outra banda, abordarase a ratificación do proxecto de acondicionamento de beirarrúas da avenida da Maía, no cal a única variación respecto do aprobado polo Pleno do Concello consiste en que se procedeu a subsanar as deficiencias indicadas polos técnicos da Deputación Provincial, que non implican a variación algunha no obxectivo, na tipoloxía ou no presuposto do mesmo.

Tamén se tratará a adhesión do Concello de Ames á Rede de Concellos contra o cancro. A Rede de Concellos Contra o Cancro naceu coa finalidade de achegar os recursos de prevención, información e atención ás persoas con cancro e ás súas familias, aproveitando a proximidade dos Concellos á cidadanía e a súa capacidade para promover iniciativas comunitarias. A adhesión permitiríalle ao Concello de Ames integrarse nun marco de colaboración que facilite a coordinación coa asociación, o desenvolvemento de iniciativas adaptadas ás necesidades municipais e o achegamento dos seus recursos á poboación.

Esta iniciativa estrutúrase arredor de tres liñas de actuación: a liña 1 de promoción da saúde mediante o impulso de hábitos de vida saudables, actividades de sensibilización e creación de contornos saudables, incluíndo espazos libres de fume; a liña 2 sobre atención a pacientes e familiares, facilitando o coñecemento e o acceso aos recursos de apoio psicolóxico, social e asistencial que ofrece a asociación; e a liña 3 de participación social e voluntariado, promovendo a implicación da cidadanía, do tecido asociativo e das estruturas de voluntariado nas actuacións de sensibilización e acompañamento.

Segunda fase do POS+ Adicional 4/2026

A Corporación municipal tamén tratará a participación na segunda fase do POS+ Adicional 4/2026, a través da cal o Concello de Ames recibirá de Deptación da Coruña 569.317,42 euros. Con dito importe vanse a sufragar tres proxectos que xa foron incluídos no Plan Complementario do POS+ 2026, relativos á pavimentación de viarios en Ortoñiño (Ortoño), acondicionamento de marxes en Castelo-Lombao (Covas) e outros, e pavimentación de viarios no culceo de Oca (Ames). 

Ademais, aprobarase, se procede, delegar na administración xeral da comunidade autónoma de Galicia a convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de Policía Local e ás prazas de auxiliares de Policía Local do Concello de Ames.

Neste mesmo punto debe aprobarse, se procede, o convenio entre o Concello de Ames e Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Púlicas e Xustiza, da Xunta de Galicia, para a asunción pola administración xeral da comunidade autónoma de Galicia de dita convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de Policía local e ás prazas de auxiliares de Policía Local ou ás prazas de vixiantes municipais, cunha duración de catro anos.

Apartado de mocións

Por último, abordarase unha moción do grupo municipal de Espazo Común de Ames para reforzar a resposta municipal ante as situacións de urxencia e emerxencia habitacional no Cncello de Ames. A través de dita moción solítase poñer en marcha, a través do departamento de Benestar Social, un programa específico de asesoramento e acompañamento integral en materia de vivenda; reservar, como mínimo, dúas vivendas do conxunto que o Concello xestiona a través do programa Vivendas Baleiras, para atender situacións de urxencia e emerxencia habitacional; e crear unha Comisión Técnica de Valoración para as situacións de urxencia e emerxencia habitacional.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.