PUBLICIDADE

Ferrol adica 216.000 euros á limpeza de cubertas municipais

Ferrol dividiu o contrato en dous lotes, segundo a altura dos edificios, e ambos foron adxudicados á empresa CYS Hispania SL.Ferrol dividiu o contrato en dous lotes, segundo a altura dos edificios, e ambos foron adxudicados á empresa CYS Hispania SL.

A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol adxudicou o servizo de limpeza de cubertas de edificios de competencia municipal. O custo total deste contrato suma un total de 215.811,99 euros, case 25.0000 euros menos que o prezo de licitación.

O contrato está dividido en dous lotes e foron ambos adxudicados á empresa CYS Hispania SL. O lote 1, de edificios en xeral de altura baixa a media, adxudicouse por 94.324,40 euros. No tocante ao lote 2, de edificios en xeral de altura media a alta, ascende a 121.487,59 euros.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, insistiu na necesidade de que os edificios conten cun mantemento periódico. “A limpeza das cubertas, así como das baixantes para que non se atasquen, é algo que non se facía con periodicidade ata agora”, advertiu. Isto provocaba inundacións nalgunhas instalacións deportivas ou culturais, como por exemplo o centro cultural Torrente Ballester.

PUBLICIDADE

Entre as tarefas a realizar pola adxudicataria está a limpeza e mantemento das cubertas e da totalidade dos caleiros de baixantes de pluviais dos edificios municipais. O obxectivo é garantir un adecuado estado de conservación e funcionalidade dos inmobles, evitar o seu deterioro e riscos para a cidadanía e mantelos nunhas condicións adecuadas de seguridade e salubridade.

O contrato inclúe tamén pequenas actuacións de reparación con carácter estacional e posibles reparacións interiores por imperfectos causados pola entrada de auga nos edificios. “Con este contrato, o correcto funcionamento das cubertas e das redes de evacuación de pluviais permite garantir a impermeabilidade das edificacións”, afirmou o rexedor.

O prazo de execución de cada lote é dun ano prorrogable por outro ano máis, sen que a duración total poida exceder os dous anos.

REURBANIZACIÓN RUBALCAVA

A maiores, a xunta de Goberno local de Ferrol deu luz verde á contratación dos servizos de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde da fase 1 da reurbanización da rúa Rubalcava (rúa María-Avenida do Rei). “Traballamos con previsión”, asegurou Rey Varela, xa que “a obra da reurbanización está en mesa de contratación”. Un total de 10 empresas presentaron as súas ofertas para executar estas obras, orzamentadas en máis de 1,5 millóns de euros.

Para a súa execución resulta necesaria a contratación da dirección facultativa. Isto motiva a necesidade do presente contrato dividido no lote 1, que é o servizo de dirección de obra, valorado en 27.453,79 euros, e o lote 2, que son os servizos de coordinación de seguridade e saúde, por 10.714,28 euros. Así pois, o orzamento total ascende a 38.168,07 euros.

ENVOLVENTE RÚA NEDA 1-4

A xunta de Goberno local de Ferrol tamén aprobou o expediente de contratación dos servizos de dirección de obra, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde das obras de rehabilitación de envolvente Neda 1-4, no barrio de Recimil. As obras vinculadas a este contrato están recollidas no Proxecto básico e de execución de rehabilitación da envolvente. Rúa Neda 1-4. Barrio de Recimil. Tras rematar o prazo de presentación de ofertas, ao que concorreron cinco empresas, levouse á mesa de contratación.

Para a execución desta obra é necesaria a contratación da dirección facultativa. Neste caso tamén se divide o contrato en tres lotes. O lote 1, servizos dirección de obra, ascende a 25.895,45 euros. Pola súa banda, o lote 2, de servizos dirección de execución de obra, conta con 25.895,45 euros. Finalmente, o lote 3, de coordinación de seguridade e saúde, supón o investimento de 8.769,38 euros. Así, o orzamento total de dito contrato ascende a 60.560,28 euros.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.