PUBLICIDADE

Aberto o prazo para solicitar axudas para mellorar as instalacións e os equipamentos das asociacións de veciños, de mulleres rurais e das comunidades de usuarios de augas

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo visitou as melloras levadas a cabo no local da asociación de veciños de San Lázaro, que resultou beneficiaria da orde do ano pasado cunha achega de 12.000 euros

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, animou ás entidades veciñais da comunidade a presentar as súas solicitudes á orde de axudas do Plan específico comunitaria destinada a estes colectivos, así como a asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, que se publica no Diario de Oficial de Galicia cun orzamento de 3 millóns de euros. Fíxoo nunha visita á asociación de veciños de San Lázaro, en Lugo, que resultou beneficiaria na convocatoria do ano pasado dunha achega de 12.000 euros para melloras no seu local social.

Xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o conselleiro comprobou as actuacións levadas a cabo para mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética. Así, entre os traballos realizados con apoio da Xunta colocouse unha rampla e un pasamáns para persoas con mobilidade reducida. Co mesmo obxectivo instalouse un dispositivo de asideiros no aseo, onde tamén se instalou un termo eléctrico de auga quente sanitaria. Ademais, renovouse a carpintería exterior con novas fiestras e no tellado colocouse un falso teito desmontable con placa illante sobre o que se montou un panel de iluminación LED.

Diego Calvo lembrou a esta e ás demais entidades veciñais da comunidade teñen un prazo dun mes para presentar as súas solicitudes á nova convocatoria de maneira obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal. Nesta liña, explicou que a Xunta contribúe con estas axudas á dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida da cidadanía. De feito, desde a posta en marcha desta orde, o Goberno galego leva investidos case 30 millóns de euros que beneficiaron a 2.340 entidades. Trátase de achegas destinadas precisamente aos colectivos máis próximos aos seus veciños e veciñas que se encargan de canalizar e trasladar as súas peticións.

PUBLICIDADE

Segundo recolle a orde  do DOG, as subvencións contan con dúas liñas. Unha contía de  2,6 millóns destínase a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, paramentos interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade. 

No que se refire ás instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas, o conselleiro destacou que, como novidade na convocatoria de deste ano, no caso das comunidades de usuarios de augas, dáselles prioridade ás obras de mellora, reforma e reparación nas infraestruturas básicas das traídas de auga afectadas por un incendio forestal durante o verán de 2025 nas zonas declaradas en situación operativa 2. A estas obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga súmanse outros  traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída.

Os 400.000 euros restantes investiranse en apoio á dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades e a organización de actividades específicas, o que inclúe a adquisición de mobiliario, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual.

As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade no caso das entidades veciñais e de mulleres rurais e no libro de rexistro de augas do correspondente organismos de bacía como titulares de aproveitamento de augas. Todas elas deberán conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.