PUBLICIDADE

Arzúa presenta “O galego, a mellor herdanza” para promover e poñer en valor o uso da nosa lingua propia

PorBisbarra

Venres, 8 Maio 2026 , , ,
A iniciativa desenvolverase a través dunha programación de actividades de dinamización lingüística durante os meses de maio e xuño

O Concello de Arzúa vén de presentar “O galego, a mellor herdanza”, unha campaña impulsada desde a Concellería de Normalización Lingüística para promover o uso social do galego e avanzar na normalización da lingua.

A iniciativa desenvolverase durante os meses de maio e xuño a través dunha programación de música, literatura, narración oral e dinamización lingüística dirixida ao público escolar, infantil e xeral. As actividades inclúen tamén propostas vinculadas ás Letras Galegas 2026, dedicadas este ano á escritora e xornalista Begoña Caamaño, e poñen o foco na lingua como parte esencial do patrimonio do pobo galego.

A concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, sinalou que o lema da campaña, “O galego, a mellor herdanza”, apela “á responsabilidade de coidar e transmitir a lingua galega como parte esencial do noso patrimonio cultural”.

PUBLICIDADE

“Recibimos unha cultura rica, unha lingua con historia, prestixio e capacidade para expresar o mundo desde nós. Temos a responsabilidade de garantir que as futuras xeracións tamén reciban esa herdanza e poidan facela súa, porque perder a nosa lingua propia suporía tamén deixarlles ás xeracións que veñen un legado cultural máis pobre”, destacou.

Neste sentido, López explicou que a campaña quere poñer o foco “na situación de emerxencia lingüística que atravesa o galego e na necesidade de actuar desde as institucións públicas para reverter esa tendencia”.

“Coñecer e usar o galego, a nosa lingua propia, é un dereito: o dereito a medrar coa lingua da Galiza, a entendela e a usala con normalidade en calquera contexto da vida cotiá. Con esta campaña, desde a Concellería de Normalización Lingüística queremos contribuír a garantir ese dereito”, afirmou.

REFORZAR O USO SOCIAL DA LINGUA

A programación combina actividades nos centros educativos, propostas para a infancia, música, lectura pública e iniciativas abertas ao conxunto da veciñanza. O obxectivo é achegar o galego a diferentes idades e públicos mediante formatos participativos, pedagóxicos e accesibles.

“Queremos que o galego estea presente en espazos diferentes e para públicos diferentes, porque esa é a mellor maneira de garantir a súa continuidade: usalo, escoitalo, lelo, cantalo e compartilo con normalidade”, engadiu a concelleira.

A programación arrancará o 12 de maio no IES de Arzúa co espectáculo “GPA, galego para adolescentes”, de Avelino González, unha proposta dirixida ao alumnado de secundaria centrada na reflexión arredor da lingua galega entre a mocidade.

O Concello pon en valor, neste punto, o traballo co tecido educativo de Arzúa, fundamental para achegar o galego á infancia e á xuventude desde propostas adaptadas ás diferentes idades.

A programación continuará o 20 de maio no CEIP de Arzúa coa actividade “A Gran Viaxe das Letras Galegas”, da compañía A Xanela do Maxín, dirixida ao público infantil e escolar.

As actividades destinadas á primeira infancia terán tamén un lugar importante dentro da proposta. O 29 de maio, a Escola Infantil A Galiña Azul acollerá “Arrolar”, da Fundación Legar, mentres que o 26 de xuño terá lugar o “Concerto didáctico de nanas”, de Xoán Curiel.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.