A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, participou na inauguración do obradoiro de emprego Renova Verde organizado por Ames e Brión, unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 19 persoas desempregadas na especialidade de: montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. O programa conta cun investimento autonómico de preto de 500.000 euros dos cales 38.000 son para 8 incentivos que consisten en 3.000 euros para as empresas por persoa contratada e outros 1.500 para o concello por cada inserción alcanzada.
Durante a inauguración do obradoiro, a delegada da Xunta destacou que este programa constitúe “unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade dos participantes, adquirir experiencia profesional e obter unha cualificación que facilite a súa incorporación ao mercado laboral”.
Obradoiro Ames- Brión
No obradoiro Renova Verdes ao longo dos próximos nove meses, os alumnos-traballadores desenvolverán un total de 24 actuacións entre elas actuarase en diversas instalacións fotovoltaicas, tanto de nova execución como de mantemento e conservación. En Ames está prevista a instalación de paneis fotovoltaicos na Casa da Cultura de Bertamiráns e no Centro de Formación e Emprego de Aldeanova, así como o mantemento de instalacións existentes no campo de fútbol de Bertamiráns, no campo de fútbol do Milladoiro, nas piscinas municipais de Bertamiráns e Milladoiro, nas escolas infantís da Madalena e O Bosque, e nas instalacións de tratamento de auga e depuración de Ames.
No caso de Brión, os traballos incluirán o mantemento de instalacións fotovoltaicas en diferentes equipamentos municipais, entre eles o campo de fútbol, o pavillón polideportivo, a Escola Infantil, o Centro Social Polivalente, o espazo colaborativo Transformando, a pérgola fotovoltaica da biblioteca e a Escola de Música.
O programa tamén contempla importantes actuacións ambientais e de mellora de espazos públicos. Así, en Brión levarase a cabo a instalación e mellora das zonas verdes e das rotondas do concello, mentres que en Bertamiráns se actuará na recuperación ambiental do bosque en galería e en obras de xardinería no parque do Ameneiral.
En O Milladoiro, o obradoiro inclúe ademais a instalación dun xardín climático na Madalena e o mantemento dos xardíns da rúa Anxeriz, actuacións orientadas á mellora ambiental e paisaxística dos espazos urbanos.
A delegada territorial salientou que o proxecto permitirá traballar en ámbitos especialmente vinculados cos novos modelos de sustentabilidade e eficiencia enerxética, ao incorporar tanto a instalación como o mantemento de sistemas de produción de enerxía renovable.
Estas actuacións permitirán complementar a formación teórica do alumnado cunha experiencia práctica de calidade, ao tempo que contribúen á mellora de infraestruturas e servizos de utilidade pública nos municipios participantes.
A delegada sinalou que este programa representa un exemplo de como a formación pode ir da man da mellora do territorio, xa que os participantes contribúen coa súa actividade á conservación e acondicionamento de espazos públicos de gran utilidade para a veciñanza.



