PUBLICIDADE

Cambios na Xunta: Ángeles Vázquez conselleira de Política Social e Igualdade e Nicolás Vázquez conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático

Acto de hoxe no que Rueda nomeou aos novos conselleiros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá no Pazo de Raxoi á toma de posesión de Ángeles Vázquez como nova conselleira de Política Social e Igualdade e de Nicolás Vázquez como novo conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, nunha aposta pola continuidade no Executivo galego, ao que o seu titular se referiu como “un equipo que funciona”.

Neste senso, o presidente desexoulle sorte á nova conselleira de Política Social, Ángeles Vázquez, de quen sinalou ser “un todoterreo” cunha ampla experiencia na xestión de áreas complexas e de enorme valor sentimental para os galegos como Medio Rural e Medio Ambiente. Tamén sinalou o seu convencemento de que Ángeles Vázquez é “unha aposta segura” nunha materia fundamental para a Xunta de Galicia.

No caso do novo titular de Medio Ambiente, Nicolás Vázquez, destacou a súa profesionalidade, o seu rigor e o seu papel en “logros fundamentais da Xunta”. Referiuse ao novo conselleiro como un “exemplo de servizo público” e destacou o seu coñecemento do funcionamento interno da Administración xa que exerceu como vicesecretario xeral da Vicepresidencia Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, foi secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e, nos últimos tres anos, secretario xeral de Industria.

PUBLICIDADE

Ademais, desexoulle sorte a Fabiola García na súa nova andaina e puxo en valor o gran traballo realizado pola que foi “a conselleira de Política Social e Igualdade máis veterana de toda España”, destacando os numerosos fitos acadados durante os seus oito anos como titular desta consellería.

Ángeles Vázquez (Melide, 1972) é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. foi alcaldesa de Melide entre os anos 2004 e 2007 e de novo entre 2011 e 2015. Ademais, foi concelleira nese mesmo municipio, deputada provincial na Coruña e membro do Congreso dos Deputados.

Incorporouse á Xunta en outubro de 2015 como conselleira do Medio Rural. En setembro de 2018 pasou a ser conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, desde abril de 2024, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Nicolás Vázquez (Lugo, 1974) é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela e en Enxeñería Industrial pola UNED. No sector privado, traballou como consultor en sistemas de información. Entre 2001 e 2015 desempeñou diversas funcións no Instituto Enerxético de Galicia.

Desde 2015 é funcionario do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñeiros industriais. Entre novembro dese ano e setembro de 2020 desempeñou a responsabilidade de vicesecretario xeral na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. En setembro de 2020 foi nomeado secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, cargo que ocupou ata que en xuño de 2023 foi nomeado secretario xeral de Industria na Consellería de Economía e Industria e en maio de 2024 asumiu tamén competencias en Desenvolvemento Enerxético.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.