Catro de cada dez casos de cancro poderían evitarse mediante hábitos de vida saudables e medidas de prevención. Esta foi unha das principais mensaxes da conferencia que o doutor Rafael López López ofreceu este venres no Centro Social de Melide, no marco do ciclo “Vida Saudable e Envellecemento Activo” promovido pola Deputación da Coruña.
Á conferencia asistiu a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, quen destacou a importancia de achegar á cidadanía información rigorosa e accesible sobre saúde, prevención e benestar. Así mesmo, puxo en valor este ciclo de conferencias como unha iniciativa “para promover hábitos de vida saudables, fomentar a prevención e contribuír a un envellecemento activo e con maior autonomía”.
O acto contou tamén coa participación do alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas e da concelleira de Política Social, Igualdade e Saúde, Mª Carmen Liñeira. O rexedor agradeceu a celebración desta iniciativa no municipio e salientou a importancia de ofrecer á veciñanza espazos de divulgación que permitan coñecer de primeira man os avances científicos e recibir orientación de profesionais de referencia.
Durante a conferencia, o xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS e lider do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e catedrático de Oncoloxía da USC, Rafael López, explicou de maneira divulgativa que é o cancro, como se desenvolve e cales son os principais avances científicos que están a transformar o seu diagnóstico e tratamento.
A charla permitiu achegar á cidadanía información médica rigorosa sobre unha enfermidade que cada ano afecta a arredor de 20 millóns de persoas en todo o mundo. Durante a intervención, o doutor empregou a comparación do corpo humano cun horto ordenado para explicar como o cancro aparece cando determinadas células comezan a crecer sen control por pequenos danos acumulados cos anos. Un proceso que pode estar relacionado coa herdanza xenética, os factores ambientais ou o azar e que, como subliñou o especialista, non debe interpretarse nunca como responsabilidade ou culpa da persoa que desenvolve a enfermidade.
O oncólogo tamén puxo en perspectiva a evolución dos tratamentos e a mellora das taxas de supervivencia nas últimas décadas. Se nos anos setenta sobrevivían arredor de catro de cada dez pacientes, na actualidade fano case sete de cada dez. Un avance que responde ao progreso da investigación e á incorporación de novas ferramentas terapéuticas, que hoxe complementan os tratamentos tradicionais —cirurxía, radioterapia e quimioterapia— con terapias dirixidas e inmunoterapia.
O especialista referiuse tamén ás posibilidades que abren as novas liñas de investigación, como as vacinas contra determinados tumores, as análises de sangue para facilitar a detección da enfermidade e o uso da intelixencia artificial no ámbito oncolóxico. Neste sentido, reivindicou a importancia de manter e incrementar o investimento en investigación científica, lembrando que España dedica á I+D arredor do 1,4 % do seu PIB, fronte ao 2,3 % da media europea.
Hábitos saudables
A prevención ocupou unha parte central da conferencia. Non fumar, reducir o consumo de alcohol, manter unha alimentación equilibrada rica en froitas, verduras e legumes, practicar actividade física con regularidade e conservar un peso saudable son algunhas das medidas que poden contribuír a reducir o risco de padecer cancro.
O catedrático de Oncoloxía e xefe do Servicio de Oncoloxía Médica do CHUS e presidente de ASEICA incidiu tamén na importancia de protexerse da exposición solar e da vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) e a hepatite B. Xunto aos hábitos saudables, o oncólogo destacou o papel dos programas de cribado e detección precoz, animando a acudir ás revisións cando se recibe unha convocatoria e a consultar co persoal sanitario ante síntomas persistentes. A mensaxe final foi clara: a investigación está a conseguir avances importantes, pero a prevención segue a ser unha das ferramentas máis eficaces para reducir o impacto da enfermidade.
O doutor Rafael López López conta cunha ampla traxectoria clínica, docente e investigadora no ámbito da oncoloxía. É catedrático de Oncoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Ademais, dirixe o Grupo de Oncoloxía Traslacional, coordina a área de Cancro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e preside a Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA). A súa actividade investigadora céntrase especialmente na investigación traslacional en tumores sólidos, particularmente no cancro de mama, e no estudo dos mecanismos da metástase. Participou como investigador principal en máis de 200 ensaios clínicos, é autor de máis de 200 publicacións científicas e dirixiu arredor de 30 teses doutorais. Ao longo da súa carreira tamén ocupou diversas responsabilidades en sociedades científicas nacionais e internacionais.



