PUBLICIDADE

O alcalde de Melide trasládalle as reivindidacións locais en materia de infraestruturas ao subdelegado do Goberno da Coruña

Imaxe da xuntanza de hoxe

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, mantivo hoxe unha reunión de traballo co subdelegado do Goberno da Coruña, Julio Abalde, para trasladarlle as reivindicacións do Goberno local en materia de infraestruturas. Pérez cualifica o encontro de “positivo” e agarda que dea resultados “satisfactorios para a localidade nun breve espazo de tempo”.

En concreto, o rexedor interesouse polo estado das obras da rotonda da N-547 á altura do cruce de Santa María, unha obra moi necesaria tendo en conta que é a entrada dos peregrinos procedentes do Camiño Francés e, polo tanto, un cruce que soporta moito tráfico rodado e peonil.

En relación coa nova situación xerada coa apertura do tramo da Autovía A-54 entre Palas de Rei e Melide, o alcalde explicoulle ao subdelegado a afectación na circunvalación do campo da feira, ante o elevado número de camións pesados que agora pasan por esa vía. Neste senso, demandou a necesidade de que aglomeren a estrada cuxo deterioro vai en aumento.

PUBLICIDADE

MELLORAS NA SINALIZACIÓN

Entre as reivindicacións que José Manuel Pérez lle trasladou ao subdelegado do Goberno, atópase tamén a necesidade de mellorar a sinalización en diferentes puntos da vila de Melide, como os pasos de peón na AC-840 e a instalación dun semáforo que regule o tráfico á altura da Capela de San Roque.

Tamén lle fixo chegar unha queixa veciñal da parroquia de San Cosme para que amañen os danos derivados das obras na estrada lindeira ás obras da autovía, o que trouxo consigo unha inclinación da vía que é preciso reverter.

“Todos os temas abordados -explica o rexedor- teñen que ver coa seguridade viaria, un asunto de máxima importancia para os veciños e veciñas e para o tráfico que soporta Melide”, polo que agarda unha contestación en positivo por parte do Goberno do Estado “para poder arranxar estes imperfectos que non supoñen un gran custo económico”. Pérez recorda que se trata de demandas que no seu día xa foron trasladas ao Ministerio de Fomento, polo que agarda o compromiso do Goberno Central para que se lles poida dar solución “o antes posible”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.