A película do ano 1929, que percorre algúns dos lugares máis senlleiros das catro provincias galegas, contou coa música do Cuarteto Novecento
A película Un viaje por Galicia, a primeira longametraxe documental do cinema mudo rodada en Galicia e a única da preguerra que se conserva íntegramente, foi presentada onte no Museo do Pobo Galego en Santiago, nunha cita organizada pola Deputación da Coruña.
A película, dirixida no ano 1929 por Luis R. Alonso, foi restaurada a partir da copia en celuloide custodiada durante décadas polo Arquivo da Deputación e enviada posteriormente á Filmoteca Española para o seu tratamento e preservación.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou no acto que esta película constitúe “unha parte fundamental da nosa memoria colectiva” e subliñou o valor histórico e emocional dunha obra que permite revivir a Galicia de hai case cen anos. “Recuperar esta película é recuperar parte da alma dun país”, afirmou.
Formoso contextualizou a rodaxe da película nun 1929 marcado internacionalmente polo crack da Bolsa de Nova York, que puxo fin aos felices anos vinte; en España polo esgotamento da ditadura de Primo de Rivera; e en Galicia por un proceso de transición entre unha sociedade rural e unha modernidade incipiente. “É o mundo no que nace esta obra, unha Galicia que quería mostrarse ao exterior e afirmarse como unha terra diversa, fermosa e viva”, explicou.
A película foi realizada co gallo da Exposición Iberoamericana de Sevilla, un escaparate no que as provincias e rexións españolas buscaban proxectar a súa identidade. A través da cámara de Alonso, Un viaje por Galicia percorre as catro provincias e recolle paisaxes costeiras e rurais, cidades en transformación, arquitecturas desaparecidas, escenas de traballo agrícola e mariñeiro, festas populares, a vida nos balnearios e mesmo unha comarca de Ferrol que xa despuntaba na construción naval.
A película ‘Un viaje por Galicia’ trátase dun documento de valor incalculable, no que non vemos só un país antigo, senón o nacemento da Galicia contemporánea” (Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña)
A restauración do filme levouse a cabo a partir da copia orixinal conservada no Arquivo da Deputación da Coruña, posteriormente depositada na Filmoteca Nacional. O proceso permitiu recuperar a textura e a montaxe orixinal e incorporar unha nova banda sonora, creada e dirixida por Maximino Zumalave baseándose en obras de compositores contemporáneos ao filme como Rodríguez Losada ou Andrés Gaos, que foi interpretada en vivo polo Cuarteto Novecento no acto de presentación.
No acto particiapron tamén a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e o experto e catedrático da USC José Luis Castro de Paz, que foi o encargado de contextualizar históricamente o filme e subliñar a súa importancia.





