Os melidenses Ferreiro e Anido conseguiron na penúltima proba do Campionato de Europa de Ralis Históricos o título na Categoría-3 e afrontan a cita portuguesa para despedir a tempada cun bo resultado
Ferreiro e Anido, que na penúltima proba do Campionato de Europa FIA de Ralis Históricos conseguían o título na Categoría-3 co seu Ford Escort RS, facendo pleno de triunfos en todas as citas, afrontan hoxe venres e mañá sábado, na cercana localidade lusa de Fafe, a última proba da tempada do certamen continental co ánimo de despedir a mesma cun bo resultado e tamén celebrar o seu título.
Mais o equipo campión de Melide de Xesús Ferreiro e Xavier Anido, conta neste último rali cun aliciente engadido, pois Anido ten a opción de terminar no podio absoluto do Campionato de Europa, polo que Ferreiro quixo premiar a fidelidade do seu copiloto participando na proba portuguesa nunha cidade e nunha contorna na que se destila paixón polo automobilismo deportivo, pois non en balde Fafe e os seus arredores son o escenario de numerosas probas ao longo da tempada e sempre é unha satisfacción acudir alí.
Ademais, Ferreiro e Anido estarán arroupados por numerosos afeccionados galegos que, sen dúbida, desprazaranse a ver o Rali de Fafe Histórico, xa que constitúe un atractivo para eles ter un proba do Campionato de Europa tan próxima á fronteira con Galicia.



