“Sempre dixemos que o máis importante da taxa turística non era só que se cobrara, senón que o recadado se invista en Santiago de Compostela”, con estas palabras Mercedes Rosón esixía este venres ao goberno local celeridade na constitución do Foro participativo que debe xestionar o 80% do recadado polo imposto de estadías turísticas. Rosón lamenta a “falta de interese” do goberno local en avanzar nese órgano de gobernanza dos ingresos da taxa no que deberán estar representados sector turístico e veciñanza e para o que reclama un “maior equilibrio” entre ambas.
A denuncia chega despois de que Mila Castro, Gonzalo Muíños e a propia Rosón se reuniran coa asociación veciñal A Xuntanza de San Pedro. Un encontro no que, segundo explica a concelleira non adscrita, compartiron a “preocupación” porque o goberno local non iniciara ese proceso e que “nin tan sequera tivera algún contacto coas asociacións para avanzar na participación e diálogo nesta cuestión”. Un diálogo que, apunta Rosón, non houbo “nin agora nin antes da aprobación”, de feito as non adscritas xa se amosaran moi críticas coa actitude de Sanmartín na tramitación previa do imposto de estadías turística que provocara importantes críticas de cidadanía e sector pola falta de transparencia ata ese momento.
En calquera caso, Rosón reclama axilidade na constitución dese Foro e pide ademais reforzar a presenza da veciñanza no órgano: “debe haber un peso equilibrado entre sector e cidadanía, sobre todo porque estamos falando dunha taxa que debe servir para garantir a sustentabilidade do modelo turístico sen que nos custe calidade de vida ás persoas que vivimos aquí”. Así, as concelleiras non adscritas reclaman que se reforce a presencia da cidadanía, incluíndo ademais das seis persoas representantes elixidas do Consello de Relacións Veciñais xa previstas, representantes dos barrios con maior presión turística “como a cidade histórica, Galeras ou o propio San Pedro”.




