O colectivo Amigas da Terra vai iniciar un curso gratuíto de mestría en compostaxe no Concello de San Sadurniño. Desenvolverase con sesións presenciais e en liña entre o 17 e o 27 de novembro. Hai dispoñibles 15 prazas, preferentemente para mocidade e persoas en situación de vulnerabilidade, que se poderán solicitar ata as 14:00h do martes 11 de novembro.
Unha mestra ou mestre composteiro é unha persoa con coñecementos especializados que pode xestionar, manter e supervisar proxectos de compostaxe a nivel doméstico, comunitario ou profesional. As súas funcións inclúen controlar o proceso, resolverlle dúbidas ás usuarias e usuarios, impartir obradoiros e elaborar informes para garantir que os residuos orgánicos se transformen correctamente en materia fertilizante.
A mestría en compostaxe é unha profesión con grandes perspectivas de emprego en asociacións e empresas relacionadas co ambiente. Sobre todo, ante a aposta que están facendo pola compostaxe moitas administracións públicas comprometidas coa economía circular e a xestión sostible dos residuos.
DESCRICIÓN DO CURSO DE COMPOSTAXE EN SAN SADURNIÑO
O curso consta de oito módulos formativos e dúas xornadas de visitas a proxectos de compostaxe. Alí, o alumnado poderá coñecer de primeira man experiencias de xestión descentralizada e boas prácticas no tratamento de residuos orgánicos.
O programa abordará o ciclo completo da fracción orgánica dos residuos desde a súa recollida en orixe ata a súa xestión mediante compostaxe doméstica e comunitaria, ademais de centrarse nas aplicacións do produto final como fertilizante. Ademais veranse outros aspectos como a xestión dos residuos en función dos territorios, “poñéndoa en relación co contexto de emerxencia climática e coa lexislación que lle aplica, sen obviar a educación ambiental, os riscos laborais e a mención a outras formas de compostaxe descentralizada”, comentan desde Amigas da Terra.
Esta actividade está financiada pola Consellaría de Política Social. Vai coincidir co arranque da campaña de información e implantación da compostaxe doméstica en San Sadurniño. Non obstante, trátase de dous proxectos separados, xa que as accións informativas do Concello van dirixidas a toda a poboación, mentres que a formación de Amigas da Terra vai enfocada á capacitación para o emprego e é máis especializada.




