A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao tenente de alcalde de Ferrol, Javier Díaz, deu hoxe a benvida aos 10 alumnos que inician o obradoiro dual de emprego Proxecto de repoboación e acondicionamento de montes municipais de Ferrol para a prevención de lumes na campaña 2026. Alí puxo en valor este programa de formación e emprego que resultou beneficiario dunha axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 227.300 euros.
A formación, que terá unha duración de 9 meses, impartirase na especialidade de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Os alumnos porán en práctica o aprendido levando a cabo actuacións en cinco parcelas municipais.
A delegada territorial destacou esta iniciativa que trata ademais “algo tan importante como é o coidado dos nosos montes e a prevención ante posibles incendios forestais”. Lembrou tamén que, ademais de formarse e realizar un traballo de interese público, os alumnos obterán un certificado de profesionalidade e a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito por un mínimo de tres meses, unha vez completen a formación.
Os obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes.



