PUBLICIDADE

Ames activa o dispositivo municipal de actuación ante posibles incendios forestais para 2026

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “temos que concienciar aos veciños e veciñas da importancia da prevención, que comeza sendo responsables e limpar as nosas parcelas"

O Concello de Ames presentou esta mañá o plan municipal de incendios forestais de 2026, que inclúe as actuacións en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do Plan de Incendios na temporada de alto risco, que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte a posibles incendios forestais que poidan desenvolverse en Ames. O obxectivo é que ante un incendio forestal cada grupo de intervención saiba cal é a súa labor evitando ou minimizando os imprevistos e facilitando a colaboración do Concello co director/a de extinción.

O Concello de Ames xa conta cun plan de incendios para este 2026, un dispositivo que busca continuar coa coordinación e a implicación de todas as persoas e grupos de intervención. O plan recolle varios grupos de intervención con tarefas diferenciadas, actuacións segundo a categoría de lume sinalada no correspondente PEIFOGA, un inventario de medios e contactos de persoal municipal, así como a súa dispoñibilidade. Trátase dun protocolo de actuación para que, no caso de que haxa que actuar por un lume forestal, cada grupo/persoa saiba e teña claro o que ten que facer en cada momento.

A presentación do dispositivo tivo lugar hoxe no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, coa asistencia dunha importante representación das agrupacións e persoas implicadas na prevención de lumes. Conduciron o acto o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; e a técnica do departamento de Medio Ambiente, Patricia Reboreda. Ademais, participaron en dita presentación o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; e o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández.

PUBLICIDADE

Tamén participaron representantes da empresa pública empresarial Augas de Ames EPEL, da Policía Local, da Agrupación de Protección Civil, e das empresas Urbaser e GST. Dito plan recolle unha serie de medidas preventivas: rede viaria forestal; rede de puntos de auga; rede de vixilancia; outras infraestruturas de apoio; e maila rede de faixas de xestión de biomasa na que destaca a repoboación con frondosas caducifolias.

Elaboración do Plan de Actuación Municipal ante Incendios Forestais – PAMIF

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explicou “mañá comeza a tempada de alto risco de incendio, polo tanto como todos os anos facemos esta xuntanza de coordinación para que estea todo ben organizado no caso de que haxa incendios forestais no noso concello, e para coordinar os medios persoais e materiais”. Ademais explicou que “este ano estamos traballando nun documento que é o PAMIF (Plan de Actuación Municipal ante Incendios Forestais), no que se vai a reflectir a estrutura de coordinación, a definición do risco de cada zona para determinar cales son as áreas máis sensibles, e a xestión das faixas nas áreas urbanas e rurais. Na actualidade temos o borrador de dito documento, vaise enviar a Xunta que ten que validalo, e despois hai que aprobalo en pleno. Deste xeito, este dispositivo que presentamos hoxe quedaría integrado no PAMIF”.

A técnica do departamento de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, dixo “é fundamental que nun operativo os primeiro en chegar ao lugar do incendio forestal sexan os axentes da Policía Local e os membros da Agrupación de Protección Civil. Deben ser eles os que lle transmitan a información sobre a situación do incendio ao alcalde, para que sexa o rexedor municipal o encargado de mobilizar o resto de recursos persoais e materiais”. Tamén incidiu “na importancia de que a veciñanza sexa consciente da necesidade de limpar o monte, á espera de que se aprobe un futuro plan de ordenación do monte, por parte doutras administracións”.  

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “temos que concienciar aos veciños e veciñas da importancia da prevención, que comeza sendo responsables e limpar as nosas parcelas por iniciativa propia e sen agardar a que nos envíen a carta dende o Concello. Esta situación ocorre tanto no rural como nas localidades urbanas. Hai propietarios de parcelas nos núcleos urbanos aos que todos os anos hai que lembrarlles que teñen a obriga de limpar as fincas”. Sobre o dispositivo ante incendios forestais recalcou “hai que estar preparados por se hai algún incendio forestal durante o período estival no noso concello. É importante coñecer polo miúdo este plan de incendios por se hai que poñer en marcha este dispositivo”.

Dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais

O plan de incendios recolle e organiza os medios persoais e materiais cos que conta o Concello de Ames para actuar de forma rápida e eficaz fronte aos posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do plan de incendios na temporada de alto risco, que vai dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello de Ames para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte aos posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello. Así, ante un incendio forestal no concello, cada departamento e persoa sabe cal é o seu labor a levar a cabo, evitando ou minimizando os imprevistos, e facilitar a colaboración do concello co director/a de extinción.

Deste xeito, establécense varios grupos: o grupo de intervención (distrito III, a Policía local e a Agrupación de Protección Civil, brigada municipal de Xestión do Medio Natural, Servizo municipal de Augas de Ames, brigada municipal de Obras…), o grupo de loxística (Policía Local e Autonómica, Garda Civil, Protección Civil, Servizo municipal de Augas de Ames, brigada municipal de obras, departamento de Deportes, departamento de Promoción da Saúde, departamento de Servizos Sociais…), o grupo de transmisións (GST, informáticos municipais e o departamento de prensa); e tamén colaborarán o persoal da Concellería de Xestión do Medio Natural e Rural, da Concellería de Obras e Servizos Básicos, da Concellería de Seguridade, da Concellería de Sanidade, da Concellaría de Servizos Sociais e da Concellería de Comunicación.

Ademais o plan recolle unha lista de medios materiais de xestión privada con distintas dispoñibilidades para o Concello, que inclúen camións, autobuses, transporte adaptado e dispositivos de comunicación.

Protocolo a seguir en caso de incendio

Cómpre lembrar que as operacións de extinción de incendios están a cargo dos Distritos Forestais e as actuacións do Concello están baixo as directrices do/a director/a de extinción.

No protocolo a lei establece tres situacións de emerxencia segundo o nivel do incendio. O nivel 1 de pre-alerta non implica a activación do dispositivo municipal e o incendio pode solucionarse con medios adscritos ao PLADIGA e a afectación á poboación é nula ou moi reducida (PEIFOGA en situación 0). O nivel 2 de alerta actívase cando o PEIFOGA está en situación 1, ben no concello ou no distrito, ou en incendios xa controlados nos que sexa necesario un control da zona afectada para evitar reactivacións. Nesta situación o Concello pon a disposición do Distrito Forestal III os medios propios.

No nivel 3 de emerxencia actívase cando o PEIFOGA está en situación 2, cando o incendio afecta á poboación dentro do municipio. Neste caso, o Concello colabora realizando tarefas de colaboración nas zonas habitadas; colaboración na axuda e evacuación de persoas se fose preciso; colaboración na protección de bens non forestais afectados polo incendio; apoiando ao posto de mando avanzado cos medios materiais que sexan necesarios; comunicando a evolución do incendio para facilitar a súa avaliación; colaborando na proposta de obxectivos e prioridades para a extinción do incendio; e asesorando na proposta de retornar ao nivel 0, segundo a evolución do incendio.

Por último, o plan recolle os puntos hidrantes que existen no termo municipal. O persoal da Agrupación de Protección Civil facilitou unha ligazón actualizada ao Google maps no que se indican as localizacións dos hidrantes do concello coas características das chaves e bocas.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.