PUBLICIDADE
A actuación permitirá aglomerar máis de 10.000 metros cadrados nunha das vías con maior intensidade de tráfico do barrio

O Goberno local continúa avanzando no seu plan de mellora e mantemento da rede viaria da cidade coa aprobación, na Xunta de Goberno Local, do proxecto de renovación do firme da avenida de Castelao, en Caranza. A actuación contará cun investimento de 360.135,59 euros e permitirá renovar unha superficie de 10.446 metros cadrados nunha das vías con maior intensidade de tráfico do barrio.

A avenida de Castelao constitúe un dos principais eixes de comunicación de Caranza, un dos barrios máis poboados de Ferrol, polo que esta intervención terá un impacto directo na mobilidade diaria dos veciños e veciñas. Por esta vía circulan a diario vehículos particulares, transporte público e servizos, polo que a súa mellora resulta prioritaria para incrementar a seguridade viaria e ofrecer unhas condicións de circulación máis cómodas e eficientes.

Na actualidade o pavimento presenta un evidente estado de deterioro na súa capa de rodadura, con zonas de fochancas e deformacións que dificultan a circulación e ocasionan molestias tanto a condutores como a peóns. Esta situación incrementa o risco de accidentes, danos nos vehículos e caídas, polo que a súa reparación era unha das actuacións máis demandadas pola veciñanza e polos usuarios habituais da vía.

PUBLICIDADE

Con esta intervención, o Goberno local dá resposta a unha demanda histórica do barrio e continúa executando actuacións destinadas a mellorar os espazos públicos e a calidade de vida da cidadanía.

TRABALLOS PREVISTOS

O proxecto contempla o fresado en todo o perímetro da obra o firme en todo o perímetro da actuación cun espesor de ata seis centímetros nas zonas de encontro coas rúas adxacentes, beirarrúas e contornos de tapas e arquetas. No resto da superficie realizarase o fresado necesario para garantir un espesor mínimo de seis centímetros da nova capa de rodadura.

Ademais, executarase o saneamento da capa intermedia nas zonas máis deterioradas, previo fresado e reparación das mesmas, e instalarase a sinalización horizontal provisional necesaria durante o desenvolvemento das obras. O prazo previsto para a execución dos traballos é de tres meses.

A este aglomerado súmanse distintas actuacións de mellora que se están levando a cabo no barrio de Caranza como as obras de conservación e mantemento da envolvente do centro cívico (499.475,90 euros); as obras de accesibilidade no ámbito das rúas Sao Paulo, Padre Feijóo e Armada Española (88.759,76 euros), a renovación da sinalización horizontal, tarefas de limpeza e desbroces e a mellora da accesibilidade á praia de Caranza xunto á construción do talude (250.000 euros).

No ámbito deportivo, están executándose as obras de remodelación das dúas pistas de fútbol 8 do parque deportivo de Caranza- que se converterán nun único campo de fútbol 11 (809.555,95 euros). Na actualidade están en licitación as obras do proxecto básico e de execución para a reparación e mellora do pavillón deportivo da Casa do Deporte (188.329,82 euros) e as obras de mellora no complexo polideportivo Javier Gómez Noya (525.000 euros).

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.