PUBLICIDADE

Belén do Campo destaca en Ordes o compromiso da Xunta coa modernización do abastecemento de auga

A representante do Goberno autonómico destacou que na provincia da Coruña o avance da dixitalización da xestión da auga se levou a cabo en 23 concellos da provincia por un importe de máis de 2,3 millóns de euros

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitou hoxe as actuacións desenvolvidas no Concello de Ordes ao abeiro do Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga impulsado polo Goberno galego, unha iniciativa que permitiu modernizar os sistemas de abastecemento en 38 concellos de menos de 20.000 habitantes mediante un investimento global de preto de 5 millóns de euros.

Concretamente, na provincia da Coruña contaron con estas achegas 23 concellos por un importe total de máis de 2,3  millóns de euros. Na comarca de Ordes tamén recibiu estas achegas o municipio de Frades por un importe de case 95.000 euros.

Durante a visita, a representante autonómica puxo en valor o apoio prestado pola Xunta ás entidades locais para avanzar cara a unha xestión máis eficiente, sostible e segura dos recursos hídricos. Neste sentido, destacou que as actuacións desenvolvidas benefician xa a preto de 150.000 galegos, ao garantir unha subministración máis fiable e unha administración máis eficaz dun recurso “esencial e cada vez máis valioso”.

PUBLICIDADE

Belén do Campo destacou que “a dixitalización do ciclo integral da auga constitúe unha ferramenta clave para garantir un abastecemento de calidade, anticiparse ás incidencias e preparar os sistemas fronte aos retos derivados do cambio climático e dos períodos de seca”.

Actuacións desenvolvidas en Ordes

A actuación desenvolvida en Ordes supuxo un investimento total de preto de 200.000 euros destinado tanto á instalación de novos equipos de monitorización como á implantación de plataformas dixitais para a xestión intelixente da información.

En concreto, instaláronse estacións de medición e rexistro para controlar en tempo real parámetros como o pH, a turbidez, o cloro, os niveis e os caudais dos depósitos, ademais de novos cadros eléctricos e sistemas de telecontrol. Toda a información recompilada intégrase no Centro de Xestión de Datos Local (CXDL) e no Centro de Xestión de Datos Autonómico (CXDA), plataformas que permiten centralizar, analizar e visualizar en tempo real o funcionamento das infraestruturas do ciclo da auga.

No caso de Ordes, onde existen dous sistemas municipais de abastecemento, a actuación permitiu implantar seis sistemas de rexistro distribuídos en puntos estratéxicos da rede: a captación no río Cabrón, a ETAP de Buscás-Trabas, os depósitos de Merelle 1 e Merelle 3, a ETAP do encoro de Vilasenín e o depósito de Mesón do Vento.

A delegada explicou que esta tecnoloxía posibilita unha supervisión permanente do sistema as 24 horas do día, os 365 días do ano, detectando de maneira inmediata calquera incidencia na calidade da auga, nas conducións ou nos equipos, o que facilita unha resposta máis rápida dos servizos técnicos e contribúe a reducir avarías e interrupcións no subministro.

Así mesmo, incidiu en que a dixitalización permite optimizar o consumo enerxético das instalacións, reducir perdas na rede, mellorar a toma de decisións e avanzar cara a unha xestión máis eficiente, sostible e transparente dun recurso esencial como é a auga.

A delegada concluíu salientando que “a Xunta continúa colaborando cos concellos para facilitarlles ferramentas tecnolóxicas que lles permitan prestar un servizo de abastecemento cada vez máis moderno, eficiente e resiliente, garantindo a calidade da auga que chega aos fogares e preparando os sistemas para afrontar con maiores garantías os desafíos do futuro”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.