Un total de 27 prestixiosos artistas de distintos lugares do territorio nacional participan dende hoxe e ata o vindeiro domingo en Brión no XIX Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Neira Vilas. Unha iniciativa que arrincou esta mañá na contorna da carballeira de Santa Minia, onde os artistas José A. Regidor, Frutos Casado, José Galarzo e María Carmen Martínez ofreceron uns obradoiros de pintura de acuarela e modelado gratuítos aos veciños e veciñas de Brión.
Acto seguido tivo lugar a recepción oficial do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, no centro social polivalente, onde se inaugurou a exposición “Siro. A vida nun lápis”, que poderá contemplarse aló ata o vindeiro mes de setembro. Pablo Lago deu a benvida a todos os artistas e desculpou a presenza de Siro, que non puido acudir por problemas de saúde. Porén, Lago Sanmartín convidou a toda a veciñanza de Brión a coñecer esta exposición porque “recolle unha gran cantidade de material dun dos grandes referentes da caricatura e do humor gráfico en Galicia. Desde libros e láminas, ata publicacións seriadas que xa forman parte da cultura galega contemporánea”.
Pola súa banda, Xosé Vázquez Castro, comisario do Encontro coa Arte, destacou que “durante estes tres días de xullo, Brión convértese un ano máis no epicentro da cultura. Un punto de encontro no que dialogan diferentes disciplinas, estilos e xeracións. Este é un espazo para compartir e para demostrar que a arte é unha linguaxe universal que nos une a todos. Anímovos a traballar nas vosas creacións, compartindo e intercambiando os coñecementos e facendo deste Encontro unha experiencia inesquecible”.
Os 27 artistas participantes no XIX Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Neira Vilas son: África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Carmen Hermo, Caxoto, Cristóbal Garrido “Toba”, Chelo Rodríguez, Diego Fernández Columé, Fernando Yáñez, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Iván Prieto, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Mariano Casas, Miguel Anxo Varela, Montserrat Valera Mud, Paco Casal, Ricardo Rilo, Siro, Veiras Manteiga e Xosé Vázquez Castro.
Sábado 4 de xullo
Mañá sábado 4 de xullo, o Encontro coa Arte trasládase a Ponteledesma, onde dende as 10:30 horas está prevista unha sesión de pintura ao natural (ata as 14:00 horas). Pola tarde, ás 17:00 horas haberá unha ofrenda floral a Xosé Neira Vilas na Igrexa de Santiago de Gres e unha visita á Fundación Xosé Neira Vilas. Xa de volta a Brión, ás 21:00 horas asistirán a unha homenaxe a Neira Vilas de man de Candido Pazó coa obra “Memorias dun neno galego”.
O XIX Encontro coa Arte rematará o domingo 5 de xullo cunha derradeira xornada de pintura do natural no Paseo do Rego Pego, de 10:00 a 13:30 horas. Tras o xantar de despedida, cada artista escollerá unha das obras realizadas durante estes tres días, que será doada ao Concello de Brión, pasando a formar parte da Colección de Arte de Brión.




