A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto á concelleira de Mercados do Concello de Ferrol, Maica García, participou esta mañá no mercado da Magdalena na campaña promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático polo Día internacional libre de bolsas de plástico baixo o lema: Na túa compra resta plásticos, suma futuro.
Alí, repartíronse máis dun centenar de bolsas reutilizables para concienciar á veciñanza sobre a importancia de non usar as de plástico e reducir o consumo deste material. “Ao utilizar bolsas de plástico xeramos residuos que quedarán na terra durante séculos”, explicou Aneiros, que apuntou que o tempo de uso medio dunha bolsa de plástico “é de entre 12 e 20 minutos, o que contrasta cos entre 150 e 500 anos que pode tardar en degradarse”. Ademais da súa lenta degradación, o plástico elabórase con enerxías non renovables, polo que por cada quilogramo que se fabrica deste material desde cero, se emiten 3,5 quilos de CO2 á atmosfera, o que equivale a cargar un teléfono móbil a diario durante máis dun ano ou manter unha lámpada LED de 10W prendida unhas 300 horas.
O Goberno galego está a investir actualmente 1,8 M€ nunha Estratexia de sensibilización e formación en reciclaxe dirixida a distintos colectivos. Ademais, son xa 136 as empresas galegas que aplican plans de prevención de envases, logrando un aforro de 4.109 toneladas de materias primas, levando o lema de “restar para sumar” ao tecido industrial galego.




