O Concello de Fene e ADIF impulsarán a construción dunha nova pasarela peonil sobre a liña ferroviaria en Perlío. O pleno do Concello de Fene aprobou por unanimidade o convenio de colaboración entre ambas administracións. A actuación executarase no punto quilométrico 33/910 da liña ferroviaria 804 Betanzos-Ferrol, cun investimento estimado de 700.000 euros. Permitirá mellorar a permeabilidade da infraestrutura ferroviaria e incrementar a seguridade cidadá, eliminando un paso indebido actualmente empregado pola veciñanza.
A solución finalmente escollida corresponde á denominada “Alternativa A.1”. Foi seleccionada tras a análise técnica e política das distintas opcións recollidas no estudo de alternativas remitido por ADIF ao Concello.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta é unha actuación moi importante para o concello, porque permite dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza, mellorando a seguridade e eliminando un punto de paso que comportaba riscos evidentes”.
A rexedora sinalou ademais que “as infraestruturas ferroviarias non poden actuar como barreiras. Esta pasarela contribuirá a unir dúas zonas entre as que existe un importante tránsito de persoas e avanzar nun modelo de Fene máis cohesionado e vertebrado”. Quixo ademais poñer en valor “o apoio unánime da Corporación municipal a este convenio, o que evidencia que estamos ante unha infraestrutura necesaria e estratéxica para o futuro de Fene”.
INVESTIMENTO COMPARTIDO ENTRE FENE E ADIF
O orzamento total estimado das obras ascende a 700.000 euros, IVE incluído. Destes, 350.000 euros serán achegados por ADIF e outros 350.000 euros, polo Concello de Fene.
O financiamento distribuirase en varias anualidades entre os anos 2026 e 2029. Así, durante 2026 ambas administracións achegarán 5.000 euros cada unha. En 2027 a contribución será de 95.000 euros por entidade. Finalmente, entre 2028 e 2029 a achega ascenderá a 125.000 euros anuais por cada unha das partes.
Segundo o convenio asinado, ADIF asumirá as funcións de órgano de contratación e a dirección facultativa das obras. Asemade, o desmantelamento das instalacións provisionais unha vez finalizada a actuación e a execución do valado necesario para impedir o acceso indebido á plataforma ferroviaria.
Pola súa banda, o Concello de Fene comprométese a poñer a disposición de ADIF, sen custo, os terreos municipais necesarios para a execución da infraestrutura. Ademais, unha vez rematada a obra, asumirá a titularidade da pasarela e as tarefas de mantemento, conservación, limpeza e vixilancia.
ADIF manterá, non obstante, a responsabilidade exclusiva sobre os sistemas de protección eléctrica, os cerramentos específicos e os dispositivos de detección de caída de obxectos asociados á infraestrutura ferroviaria.
A alcaldesa fenesa subliñou que “o acordo alcanzado con ADIF é un exemplo de colaboración institucional para resolver problemas concretos da cidadanía e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
O convenio terá unha vixencia máxima de catro anos desde a súa publicación oficial. Non obstante, poderá darse por rematado con anterioridade unha vez executadas as obras, prevéndose tamén a posibilidade de prórroga se as circunstancias así o requiren.




